Continúa aberto o prazo de inscrición no programa Aquactiva

41

Continúa aberto o prazo de inscrición do programa Aquactiva, o programa vital para maiores de 60 anos da Concellaría de Benestar Social Municipal que pretende promocionar a autonomía e hábitos saudábeis da poboación de maior idade, ata o vindeiro 16 de marzo.

Aquactiva é un programa de Benestar Social en colaboración co Spa urbano Spabílate que ofrece servizos como un circuíto de hidroterapia que está composto por piscina dinámica, Spa vitalidade, spa osixenante, camas de auga, baño turco, pediluvio, duchas de contraste, ducha de esencias, ducha "blue", ducha cubo, paseo de chuvias, bar de froitas e sala relax.

Ademais, a piscina mantén unha temperatura media de entre 34-36 graos centígrados, o que a converte nun grande aliado á hora de loitar contra o espasmo muscular e a rixidez, aliviando a dor e diminuíndo o impacto nas grandes articulacións.  Persoas con trastornos funcionais da columna vertebral, como as lumbalxias ou as cervialgias, poderanse ver beneficiadas polo uso da auga como axente físico (fibromialxia, artrosis, osteoporosis…).

Está pensado para persoas xubiladas e pensionistas do concello que teñan, polo menos, sesenta anos de idade. O número de prazas que oferta este programa son 40 e cubriranse por orde de chegada.

Todas as persoas interesadas en participar en Aquactiva deberán presentar a na Casa Azul a seguinte documentación:

— A solicitude
— Fotocopia do Documento de Identidade
— Fotocopia da Tarxeta Sanitaria
— A declaración médica sobre o estado de saúde (se é portadora dun marcapasos, debe autorizarlle o médico a entrar no Spa)

O programa comezará o 6 de marzo e ampliarase ata o 30 de maio. Son sesións de 1 hora semanal a escoller nos horarios de 10-12 ou de 16-18 horas.

Os interesados deberán abonar unha cota de 30 euros para catro sesións dunha hora semanal cada unha, a pagar en Spabílate. Ademais, estas sesións deben ser consecutivas.