O deporte pontevedrés abre a Semana Santa co seu segundo Campus de Baloncesto

56

O comezo da Semana Santa, entre o luns, día 2, e o mércores, día 4, consolídase como a mellor data posible para mellorar o manexo balón, o pase e o tiro á canastra. Chega a segunda edición do Campus Ponte Basquet coa organización do club Baloncesto Base e a colaboración da Concellería de Deportes.
O evento foi hoxe presentado polo concelleiro, Agustín Fernández, acompañado do director do Campus, Juan Norat, e o directivo do club, Martín Charlín. A cita, dirixida a rapaces nacidos entre 1985 e 2005, é no Pavillón Multiusos da Xunqueira.
A principal novidade é que o Campus vai a máis, pois vai superar a cifra de 50 inscritos, dobrando a asistencia da primeira edición. Ademais crece no seu ámbito territorial, pois acollerá nenos de toda a comarca gracias á posta a disposición de dúas liñas de autobús ata Raxó e Arcade.
O concelleiro de Deportes destacou que dentro da programación deportiva do Concello de Pontevedra deben convivir eventos de diferente formato. Uns teñen como misión poñer a Pontevedra no escaparate, mentres que outros están claramente orientados á promoción da base. Especialmente interesantes, continuou, son os campus de tecnificación deportiva.
O Ponte Basquet ofrece práctica deportiva en sesións de mañá e tarde e ten diferentes custos en función do uso do transporte ou do servizo de comedor. O seu principal interese é unha aproximación lúdica ao baloncesto, aínda que para os nenos en idade infantil haberá clases máis tácticas e centradas nas diferentes facetas do xogo.
Martín Charlín subliñou que o máis importante é que, a estas idades, os rapaces vexan unha boa alternativa no baloncesto. Queremos poñer primeiras pedras para ir crecendo, explicou. O responsable do club destacou o esforzo que supón organizar unha actividade deste tipo e puxo o acento nas melloras con respecto ao primeiro ano. A programación inclúe actividades paralelas como aproximación ao tiro con arco e un festival de maxia e humor.
Juan Norat anticipou a súa satisfacción polo crecemento do Campus e a aposta por un radio de acción cada vez máis amplo. Ogallá de aquí saian xogadores que alimenten os equipos de Pontevedra nos próximos anos, desexou. Ao tempo, adiantou que dende a organización están a traballar para traer a un xogador profesional.