I Xeira do Patrimonio do Rural en Salcedo

15

O vindeiro sábado 21 de abril vai ter lugar a 1ª Xeira do Patrimonio do Rural, unha iniciativa de dinamización do patrimonio cultural das parroquias que nesta primeira edición vaise celebrar na parroquia de Salcedo. As xeiras do patrimonio teñen a intención de crear complicidades, de xerar orgullo e autoestima, de facernos felices compartindo a festa, a conversa, a andaina, o lecer, a memoria e o porvir. Sabemos da enorme riqueza de bens materiais e inmateriais que atesouran as parroquias, e queremos que sexan fonte de iniciativas, de dinamismo, de novos proxectos para construírmos entre todos un rural máis activo, máis unido e máis comprometido co seu futuro.


Actividades previas:

– Sábado 7 de abril
    Conferencia-roteiro nocturno sobre arte rupestre a cargo de Xosé Lois Vilar (historiador e arqueólogo)
    A partir das 20.30 horas na local social de Cabanas (antigo preescolar)
 
– Sábado 14 de abril
    Conferencia sobre a represión franquista na parroquia de Salcedo a cargo de Xosé Álvarez Castro (profesor e historiador)
    A partir das 20.30 horas na Casa da Sociedade de Salcedo
 
– Domingo 15 de abril
    Andaina pola parroquia de Salcedo
    Saída ás 9.30 horas na capela de San Brais.
    Percorrido por Matalobos, Cabanas, muíños da Cancela, muíños do Batán, castro das Croas, Igrexa de Salcedo…

– Exposición de fotografías antigas da parroquia organizada polas entidades do Consello da parroquia de Salcedo. No local social de Cabanas do 20 ao 28 de abril.
 
– Exposición sobre a música na parroquia de Salcedo organizada pola Banda de Música de Salcedo (Asociación Músico-Cultural San Martiño). Na Casa da Sociedade os días 21 e 22 de abril.
 

Programa  da Xeira; sábado 21 de abril:
 
– 10.30 horas. Visita guiada á Misión Biolóxica de Galicia
    Saída do Campo de Cabanas
– 13.00 horas. Actuación da Banda de Música de Salcedo no Campo de Cabanas
– 14.30 horas. Xantar de confraternidade no Campo de Cabanas organizado polas entidades do Consello da parroquia de Salcedo
    Actuacións musicais: Os Chichisos, Foula e Os Alegres
    Xogos populares: chave, petanca, aro, corda…


   
A Xeira do Patrimonio é unha iniciativa compartida polo Concello de Pontevedra e as asociacións veciñais, de montes, culturais, deportivas, de nais e pais…, aberta a todas as asociacións e persoas que se animen a compartir este tempo de festa, de conversa e de arelas comúns. No caso de estardes interesados en participar no xantar (prezo 12 euros/6 para nenos e nenas ata 8 anos) podedes poñervos en contacto con algunha das asociacións de Salcedo ata o domingo 15 de abril.


Vinde celebrar o patrimonio común construído pola xente traballadora ao longo dos séculos porque é un tesouro que temos que compartir e animar cada día para que teña un vizoso porvir.

Ver documento PDF