Prosegue a Xeira de Salcedo cunha conferencia sobre a represión franquista na parroquia

48

O Local da antiga Sociedade de Agricultores de Salcedo (sede actual da Banda de Música de Salcedo) acollerá mañá, 14 de abril (Día da República), ás 20.30 horas acolle unha nova actividade da primeira Xeira do Patrimonio de Salcedo. Trátase dunha conferencia do profesor e investigador pontevedrés Xosé Álvarez Castro sobre a represión franquista na parroquia de Salcedo na que analizará os seguintes aspectos: visión xeral do contexto político social referido a Salcedo naquel momento, os mecanismos da represión en xeral e especificamente da Guardia Cívica, algunhas exemplificacións detalladas da represión física en Salcedo: o caso dos Acuña, Edelmiro Dios, Xerardo Bao e outros.

Xosé Álvarez Castro é profesor de ensino medio, presidente da asociación cultural Cedofeita (Lérez) e estudoso do sistema represivo franquista despois de 1936 no concello de Pontevedra. A esta temática dedicoulle numerosos artigos publicados no seu blog anosdomedo.blogspot.com, con especial atención a temas moi poucos estudados como a represión nas parroquias de Pontevedra, os métodos criminais da Guardia Cívica, os paseados, ou a represión exercida sobre as mulleres en Pontevedra.

Precisamente foron dúas mulleres relacionadas con Salcedo, Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro, os únicos casos coñecidos de mulleres fusiladas despois dun consello de guerra na nosa cidade: "Os dous casos máis soados de represión a mulleres, mediante xuízo militar, foron a causa 1229/36 e a seguida contra Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro, a raíz dos sucesos de Salcedo. (…) O segundo caso foi consecuencia do crime cometido polos "cívicos" o 12 de decembro de 1936 en Salcedo; este suceso xa foi obxecto dunha entrada neste blogue. Ao día seguinte, domingo, celebrouse consello de guerra en procedemento sumarísimo e entre os encausados estaban dúas mulleres, Consuelo Acuña Iglesias, de 60 anos e Elvira Lodeiro González, de 28. O fiscal solicitou a pena de morte, pois así estaba previsto para quen ocultase a reclamados por actividades contrarias ao golpe militar. Consuelo foi fusilada, logo de rexeitar os auxilios espirituais, xunto ao seu irmán Ramón. A Elvira fusílana o sábado 19; a versión oficial dicía que, tras o recoñecemento médico no Hospital Provincial, comprobárase que o seu embarazo era falso. Polos datos coñecidos ata o momento, son as únicas mulleres fusiladas como consecuencia dun consello de guerra na capital da provincia". 

Lembranza da centenaria Sociedade de Agricultores de Salcedo

O acto do sábado 14 servirá tamén como homenaxe cidadán e institucional á antiga Sociedade de Agricultores de Salcedo fundada en 1912 e que, polo tanto, cumpriría agora 100 anos. A Sociedade é expresión da vitalidade do movemento agrario no ámbito rural de Pontevedra, activismo social e político que su puxo de manifesto durante a II República na parroquia de Salcedo e que se viu truncado polo golpe de estado franquista e a brutal represión que comezou a partir do 18 de xullo de 1936, que castigou especialmente a parroquia de Salcedo.

O local da Sociedade de Agricultores foi expoliado, a entidade disolta e só se salvou o estandarte, que foi entregado no ano 2000 por Arturo Estévez ao Concello de Pontevedra e que se custodia no Arquivo Municipal. A bandeira volve por primeira vez, despois de 74 anos e medio, á súa casa e presidirá o acto en memoria das vitimas da represión franquista na parroquia.

Andaina do domingo pola parroquia de Salcedo

O programa da Xeira para a fin de semana tamén inclúe este domingo unha andaina polo patrimonio cultural e natural da parroquia de Salcedo. O percorrido comezará ás 9.30 horas na capela de San Brais e discorrerá polos lugares de Matalobos, Cabanas, A Cancela, Birrete, O Carramal, O Cruceiro e A Igrexa vistando entre outros os seguintes espazos: capela de San Brais, monte e castro de Matalobos citado por Castelao no Meu Pontevedra!, estación de arte rupestre de Cabanas, muíños da Cancela, muíños do Batán, castro das Croas, Pazo de Miraflores, Casa da Sociedade de Agricultores e igrexa parroquial.

Un dos lugares de maior interese natural e ambiental é o conxunto formado polo Castro das Croas e os muíños do Batán en Birrete, no que está prevista unha actuación de recuperación e dinamización impulsada pola Comunidade de Montes, propietaria dos terreos, e o Concello de Pontevedra. Xa se deron os primeiros pasos nesta dirección coa actuación de limpeza e mellora dos accesos ao conxunto de muiños do Batán, que permite o disfrute dun conxunto de grande beleza e valor cultural e natural.

Programa da Xeira do día 21 de abril

O día propio da Xeira do Patrimonio é o sábado, 21 de abril e terá a seguinte programación:

• 10.30 horas. Visita guiada á Misión Biolóxica de Galicia
   Saída do Campo de Cabanas
• 13.00 horas. Actuación da Banda de Música de Salcedo no Campo de Cabanas
• 14.30 horas. Xantar de confraternidade no Campo de Cabanas organizado polas entidades do Consello da parroquia de Salcedo. Xogos populares: chave, petanca, aro, corda… Actuacións musicais: Os Chichisos, Foula e Os Alegres
• Exposición de fotografías antigas da parroquia organizada polas entidades do Consello da parroquia de Salcedo. No local social de Cabanas     do 21 ao 28 de abril.
• Exposición sobre a música na parroquia de Salcedo organizada pola Banda de Música de Salcedo (Asociación Músico-Cultural San Martiño). Na Casa da Sociedade os días 21 e 22 de abril.

A Xeira do Patrimonio é unha iniciativa compartida polo Concello de Pontevedra e as asociacións veciñais, de montes, culturais, deportivas, de nais e pais…, aberta a todas as asociacións e persoas que se animen a compartir este tempo de festa, de conversa e de arelas comúns.

As persoas interesadas en participar no xantar (prezo 12 euros/6 para nenos e nenas ata 8 anos) poden poñerse en contacto con algunha das asociacións de Salcedo ata o domingo 15 de abril.