Lembranza a José Casal e Lois no centenario do seu pasamento (1845-1912)

42

A concellaría de Patrimonio Histórico lembra no día de hoxe a José Casal e Lois, médico, fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e autor de importantes estudos etnográficos que supuxeron achegas moi valiosas para o coñecemento dos costumes, tradicións e bens culturais do Concello de Pontevedra e a súa comarca.

Entre a súa ampla obra de investigación cabe destacar os traballos sobre o cancioneiro tradicional e sobre os xogos populares, que foron publicados polo Consello da Cultura Galega nos anos 2001 e 2008, respectivamente. No caso do libro sobre os Xogos populares en Pontevedra, a edición e estudo introdutorio correu a cargo de Xosé Fuentes Alende, secretario do Museo de Pontevedra. Precisamente Xosé Fuentes é o máis importante estudoso da obra de Casal.  O Museo Provincial é depositario do fondo Casal, unha colección de documentos orixinais sobre unha ampla diversidade de temas, entre eles materiais sobre o “latín” dos canteiros.

José Casal é autor tamén de notas e debuxos sobre cruceiros, petos de ánimas e muíños, así coma diversas anotacións sobre cuestións históricas e etnográficas da parroquia de Salcedo. Estes materiais están tendo moita utilidade para as actuacións que o concello planea para a estudo, recuperación e dinamización do patrimonio da parroquia de Salcedo. 

Casal e Lois foi un precursor dos estudos etnográficos, que alcanzarían grande desenvolvemento no primeiro terzo do século XX grazas ao Seminario de Estudos Galegos. En recoñecemento ao seu inxente e valiosísimo labor de estudo, difusión e defensa do patrimonio cultural material e inmaterial de Pontevedra, o concello quere lembrar a súa figura cando se cumpre o primeiro centenario do seu pasamento.