O programa de prevención da osteoporose permitiu facer 542 probas de densitometría ósea

39

Un total de 542 pontevedreses coñecen mellor a saúde dos seus osos despois do paso pola cidade da campaña organizada pola “Fundación Educación, Deporte y Salud” (fe,dys) e a “Fundación Hispana de Osteoporosis y Enfermedades Metabólicas”. A campaña, coordinada pola Concellería de Educación e Deportes, consistiu na realización de probas diagnósticas de densitometría ósea e senllas conferencias.
Os organizadores quedaron moi satisfeitos dos resultados acadados, especialmente no segundo día, cando a afluencia de público foi masiva. Tanto foi así que mesmo quedou xente fóra diante da imposibilidade de atendela dentro do horario establecido.
O concelleiro de Educación e Deportes, Agustín Fernández, destaca o acerto que supuxo traer esta campaña a Pontevedra. Temos recibido moitas mostras de agradecemento de persoas que tiñan que facer esta proba e estaban en listaxe de espera. Ao tempo, todo este público recibiu unha atención especializada por parte dun médico e recibiu valiosos consellos para mellorar a saúde dos seus osos.
O propio concelleiro, xunto coa responsable de Promoción Económica, Carlota Román, foi un dos pontevedreses que aproveitaron a ocasión para realizarse unha densitometría.
Fernández expresa o agradecemento do Concello de Pontevedra ás dúas fundacións e comprométese a optimizar o desenvolvemento da campaña de cara a futuras edicións. Pensamos, explica o concelleiro, en traela a un lugar máis céntrico para que podamos chegar a un público máis amplo, pois o desprazamento ao Pazo da Cultura pode ser molesto para persoas de certa idade, que, non hai que esquecer, son unha parte importante da “poboación diana”. Ademais, a campaña coincidiu con dúas xornadas de mal tempo meteorolóxico.
A loita e prevención da osteoporose pasou por varias cidades galegas e tivo tamén moita aceptación, dado que proporciona acceso a unha proba rápida e practicada con aparatos de última tecnoloxía. Os aparellos están a traballar estes días na Comunidade Valenciana, a onde se desprazou a campaña tras o seu paso por Pontevedra.