Pontevedra disporá de 80.000 euros para o funcionamento da oficina municipal de rehabilitación

52

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro Goyanes, asinou hoxe o convenio que rexe o funcionamento da oficina municipal de rehabilitación-portelo único de xestión do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.
A Consellería, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), achega ao Concello 80.000 euros para colaborar no mantemento desta oficina durante o ano en curso, dado que o gasto total de mantemento é de 145.929,94 euros, segundo as estimacións municipais. O convenio ten vixencia ata o próximo 31 de decembro. Os importes foron incrementados ata chegar a subvención máxima na normativa da Xunta, dada a previsión de que Pontevedra contará durante este ano coa Área de Rehabilitación Integral do Conxunto Histórico, solicitada diante do Instituto Galego da Vivenda e Solo dende o 25 de maio de 2011.
O convenio achega o financiamento para o mantemento da oficina municipal de rehabilitación-portelo único de información e xestión do Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación. A oficina será a encargada de realizar as visitas técnicas e tramitar, de acordo coas instrucións do IGVS, os expedientes relativos ás actuacións nas áreas de rehabilitación aprobadas, os programas Aluga, Renove, rehabilitación de edificios no entorno dos Camiños de Santiago e de erradicación do chabolismo.
Antón Louro está satisfeito dos datos estatísticos da oficina de rehabilitación municipal e destacou que, dende a súa posta en marcha, en 2007, permitiu a rehabilitación de 229 vivendas no barrio de Estribela, ás que haberá que sumar as 30 actuacións na cuarta fase (en desenvolvemento) e outras 40 na quinta fase (aprobada recentemente).
O tenente de alcalde adianta que en pouco tempo o IGVS aprobará a Área de Rehabilitación do Centro Histórico. Os trámites están completamente rematados dende o pasado mes de novembro e o incremento no financiamento da oficina responde á necesidade de reforzar o seu persoal para atender a maior carga de traballo. A declaración permitirá que os titulares de 1.528 vivendas do Centro Histórico podan acollerse a unhas axudas que poden chegar ata un 75% do orzamento protexible, cun límite de 11.600 euros por vivenda.
Por outra banda, a oficina municipal de rehabilitación tramitou 36 solicitudes correspondentes ao programa Renove, que permite a rehabilitación de vivendas e edificios, especialmente nas áreas de mellora da eficiencia enerxética, hixiene, saúde e protección do medio ambiente, seguridade e estanqueidade e, finalmente, mellora da accesibilidade.
No que atinxe ao programa Aluga (destinado a promover o aluguer entre a poboación nova) tramitáronse 96 expedientes.
Finalmente, o departamento municipal informou 9 expedientes correspondentes ao programa de rehabilitación no ámbito dos camiños do Santiago. Destes 9 expedientes, un total de 7 correspondían ao ámbito rural e os dous restantes ao Centro Histórico.