A praza da Ferrería acolle o III Torneo Ponte Xadrez, co apoio da Concellería de Deportes

65

Pontevedra acollerá durante esta fin de semana a maior festa do xadrez ao aire libre de cantas se celebran en España. Baixo unha carpa a instalar na praza da Ferrería, uns 200 taboleiros medirán as habilidades e estratexias duns 400 xogadores chegados de toda Galicia e Portugal.
O presidente da Escola de Xadrez Pontevedra, Daniel Rivera, destacou a proxección do torneo, prestixiado pola revista “Jaque” e numerosas webs especializadas en toda España. Agarda superar a cifra de 400 participantes procedentes de Galicia e Portugal. A cita, integrada no Circuíto Galego de Promoción 2012, é a máis popular das 18 que compoñen o seu calendario.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, destacou que o xadrez ten cada vez máis participantes en Pontevedra, polo que seguirá a recibir o apoio municipal. Aínda máis cando a súa popularidade conflúe na organización de eventos como o desta fin de semana. Calcúlase que máis dun milleiro de persoas, entre xogadores e acompañantes, estarán na cidade durante o venres e o sábado.
A Concellería de Turismo, que traballa coordinadamente con Deportes en cantas competicións se celebran na cidade, organiza, aproveitando o tirón do torneo, unha visita guiada polo Centro Histórico o sábado ás 11.30 horas. Repítese así a experiencia do ano pasado, que foi altamente valorada por todos os participantes.
Fernández desexou que o tempo acompañe durante a tarde do venres e o sábado, como así parece que será. Non obstante, a colocación da carpa dá unha gran tranquilidade á organización.
O calendario comeza o venres, ás 17 horas, coa Xornada de Convivencia, pensada especialmente para escolares dos colexios de Pontevedra, pero aberta a todo tipo de público. O sábado, o torneo dará comezo ás 10.30 horas. A entrega de trofeos está programada para as 19.30 horas. Cada participante xogará sete partidas e repartiranse 40 trofeos aos primeiros clasificados das  distintas categorías de idade. Tamén terán recoñecemento os primeiros pontevedreses en cada unha delas.
A inscrición aínda está aberta. Ao igual que o ano pasado, o torneo ten vocación solidaria, polo que non se esixe cota económica, senón a doazón dun quilo de alimentos non perecedoiros para o comedor de San Francisco. Son especialmente benvidos aceite e fariña, os produtos máis demandados no comedor social.
As persoas interesadas en facer a inscrición aínda poden facelo na web www.pontexadrez.com, no enderezo ponte@xadrezpontevedra.com ou no teléfono 650 645 318.