Agustín Fernández entrega no colexio Vilaverde os primeiros exemplares do terceiro número do xornal escolar

77

Xa están na rúa (nos colexios) os 2.000 exemplares do terceiro número do “Cartafol do Lérez”, o xornal no que os alumnos de terceiro ciclo de Primaria do concello envorcan toda a creatividade que bule no obradoiro de escrita creativa que promove a Concellería de Educación.
O concelleiro, Agustín Fernández, desprazouse ao colexio Vilaverde (Mourente) para entregar as primeiras copias dunha publicación que a Concellería edita en colaboración coa editorial Kalandraka e que é xa unha referencia. Este novo número é o primeiro dos dous que se editarán durante este curso. Ademais da súa versión en papel pode consultarse na Internet, ou mesmo descargarse no blog (https://www.ocartafoldolerez.org).
Actividades de animación á lectura existen moitas, pero de animación á escrita non tantas, afirma o concelleiro. Agustín Fernández está moi satisfeito do éxito colleitado polo “Cartafol” como fórmula para incentivar un xeito aberto e alternativo de aprendizaxe que vai máis alá do Ensino regrado e academicista. É un intento, engade o concelleiro, de crear cidadáns con habilidades lectoras e dotados para a imaxinación e a escrita creativa. En suma, cidadáns máis cultos e, polo tanto, máis libres.
O concelleiro de Educación destaca tamén que este programa supón unha forte aposta polas bibliotecas escolares. Cómpre reforzar estes espazos, dotándoos de actividades e tamén, por suposto, de libros. Cada colexio participante recibe un lote de 20 títulos do catálogo da editorial pontevedresa.
Unha vez máis a calidade e a imaxinación desbordante dos rapaces é a protagonista deste número que chega como peche do mes do Día das Letras Galegas. Os nenos e nenas de sexto do colexio Marcos da Portela (Monte Porreiro) elaboraron historias a partir dos cadros máis coñecidos do Museo de Pontevedra. Os do San Martiño (Salcedo) participaron nun safari literario. Os do Froébel metéronse na pel dos oficios de xornalista, mariñeiro e mecánico. Mentres, en San Bieito de Lérez seguían as pegadas de Gianni Rodari para crear relatos divertidos. O Cartafol dedica as súas páxinas centrais ás actividades nas bibliotecas, sensibilízase co problema dos animais abandonados e, finalmente, pecha coa entrevista dos rapaces do colexio Vilaverde a Xico de Cariño, veterano da música galega.
Nesta nova campaña, o programa pasou por nove colexios para chegar a preto de 500 alumnos de 10 a 12 anos. Do éxito do programa dá boa conta o agradecemento expresado polo corpo docente de todos os colexios.
Os obradoiros teñen unha duración dunha hora por sesión e neles os rapaces son introducidos ao pracer da lectura, trabállase a sensibilidade estética, tanto no plano literario como no plástico, e desenvólvese a creatividade. Sen embargo, a nota máis distintiva é que se traballan as técnicas da redacción, o que permite acadar textos de gran calidade e desbordantes de imaxinación. Este ano, como novidade e para incidir aínda máis na asimilación dos conceptos, realízanse dous obradoiros por curso.