O Concello publica o Libro do Consistorio 1560-1563

49

O Concello de Pontevedra presenta esta tarde, a partir das 20.00 horas na Casa das Campás, o "Libro do Consistorio 1560-1563" transcrito polo arquiveiro  municipal, Enrique Sotelo. Na presentación da publicación á prensa acompañado da concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, o arquiveiro municipal explicou que o primeiro libro de actas do Concello de Pontevedra está no Museo provincial, e o segundo (de 1537) tamén se atopa no museo.

O que hoxe se presenta é o primeiro libro de actas que se atopa no Arquivo Municipal. Trátase dun pedazo da historia da cidade, con situacións cotiás e anécdotas como arranxos da ponte do Burgo, ou da Fonte da Ferraría. Ou tamén, o cruceiro do Burgo que agora se atopa na praza de Santa María.

Enrique Sotelo destacou que esta publicación servirá de soporte de traballo para os estudosos, especialmente tendo en conta que o libro orixinal ten máis de 400 anos, e esta publicación permitirá no ter que recurrir sempre ao orixinal.

O libro será presentado esta tarde na Casa das Campás nun acto ao que asistirá o director do Arquivo da Deputación, e tamén a directora do Arquivo Histórico Provincial. Tamén falará das actas municipais o historiador de humanidades no campus de Lugo Gonzalo Fernández Suárez.