Carlota Román organiza o I Seminario sobre Turismo de Negocios

67

A Concellería de Promoción Económica e Turismo organiza o primeiro Seminario sobre Turismo de Negocios. O acto, impulsado pola concelleira Carlota Román García, contará coa presenza da directora do “Spain Convention Bureau”, Violeta Matas González. A cita é o próximo martes.
Violeta Mata visitará as instalacións do Pazo da Cultura, o Centro Histórico e ofrecerá, xunto coa concelleira, unha conferencia para un grupo de representantes dos diferentes subsectores que compoñen o sector turístico da cidade no salón de actos da Casa da Luz, sede da empresa municipal Turismo de Pontevedra, S.A.
Carlota Román destaca que este seminario forma parte dunha programación que comezou o pasado día 29 de maio coa visita de Yolanda Barbeito, vicepresidenta da asociación “Organizadores Profesionales de Congresos” (OPC) España, e presidenta de OPC Galicia. A intención é sentar as bases para iniciar unha política municipal activa para a atracción de feiras e congresos de tamaño medio.
O sector do turismo de negocios move cada ano cifras máis elevadas que o turismo vacacional. Neste sentido, o gasto medio por asistente a un congreso ou feira é de case 300 euros por día. O dato corrobora que esta actividade pode axudar, e moito, a mellorar a situación económica das cidades. Ademais, os eventos deste tipo adoitan celebrarse en meses non vacacionais, co que tamén se contribúe á desestacionalización do sector turístico, permitindo manter a estrutura laboral durante todo o ano.
Durante o seminario, a edil socialista exporá os avances que no plan de promoción turística estanse levando a cabo desde a súa toma de posesión. Pola súa banda, a directora do “Spain” dará conta das últimas tendencias en canto á organización de congresos. Así, explicará como os congresos buscan un determinado tipo de hotel, cun programa paralelo moi esixente para os acompañantes, ademais de destacar a importancia da proximidade do recinto de congresos á cidade, cousa que sucede en Pontevedra. Por este motivo, Román decidiu invitar a diversos representantes do sector turístico, desde hoteis a axencias de viaxe, pero tamén empresas de “catering”, azafatas, transporte ou audiovisuais, xa que todas elas benefícianse da organización dun evento deste tipo, cunha media previsible para Pontevedra de entre 400 e 500 congresistas e acompañantes.
O “Spain Convention Bureau” é unha sección da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) dedicada en exclusiva a promocionar ás cidades asociadas na súa promoción como destino de eventos congresuais e feirais, así como en viaxes de incentivo. Máis de 50 cidades son socias, entre elas Pontevedra.