Pontevedra coñece as experiencias de recuperación etnográfica de Viana do Castelo

51

A Concellaría de Patrimonio Histórico que xestiona Luís Bará realiza mañá sábado, 30 de xuño, unha viaxe de coñecemento a Viana do Castelo. É a segunda das saídas programadas por este departamento municipal –o primeiro foi ao Valmiñor- para coñecer diversos conxuntos patrimoniais e experiencias de xestión, que neste caso está centrado no patrimonio etnográfico das parroquias de Viana do Castelo, nas que existen núcleos museolóxicos de cuxa xestión se encargan as asociacións veciñais.

A saída está prevista ás 9.15 horas da rúa Alameda (estacionamento de autobuses) e a chegada sobre as 11.00 horas. Nesta xornada participarán o concelleiro Luís Bará xunto a 50 persoas máis representantes de asociacións veciñais, culturais e de montes, técnicos, representantes de empresas de restauración e arqueoloxía, así como persoas interesadas no patrimonio.

Visitarán o Museo agro-marítimo de Carreço, o Centro de Monitorizaçao e Interpretaçao Ambiental (antigo Moinho de Maré), os moinhos de água de Montaria e o Museu do Pao de Outeiro.

O grupo será recibido pola concelleria de Cultura de Viana do Castelo e polo director do Museo do Traxe.