“O latexo das prazas”, unha ollada repousada aos espazos máis amables da Pontevedra histórica

77

A Casa da Luz acolle dende hoxe unha exposición fotográfica consagrada ás prazas do Centro Histórico, como espazos emblemáticos da arquitectura urbana e da convivencia social da cidade de Pontevedra. A exposición, que leva por título “O latexo das prazas”, foi presentada hoxe pola concelleira de Turismo, Carlota Román, e poderá visitarse ata o próximo mes de outubro.
A mostra está composta por unha colección de 12 fotografías realizadas por outros tantos reporteiros gráficos que, a diario, publican as súas imaxes nos distintos medios de comunicación escrita con presencia en Pontevedra. Profesionais como Rafa Fariña, Gonzalo García, Javier Cervera-Mercadillo, David Freire, Alba Sotelo, Guille López, Noé Parga, Ramón Leiro, Mónica Ferreirós, Carlos Puga, Miguel Vidal e Xan Xiadas. Todos eles cambiaron o enfoque do seu traballo diario, sempre apegado á actualidade, para ofrecer unha visión máis duradeira e repousada de espazos nos que traballan, polos que camiñan e dos que gozan a diario.
Carlota Román, que presentou a mostra acompañada do seu comisario, Ramón Rozas, anticipou que as fotografías xogarán tamén o papel de embaixadoras da cidade noutras vilas de Galicia ás que a exposición desprazarase a partir do outono. “O latexo” é unha colección que nace coa intención de crecer con novas edicións que aborden miradas distintas doutros aspectos da cidade. A intención é configurar, a varios anos, un fondo gráfico singular e ambicioso.
Un dos atractivos da exposición é o seu catálogo, que inclúe as 12 imaxes en formato postal, e unha introdución trilingüe (galego, español e inglés), o que o convirte nun regalo idóneo. De feito estase barallando a súa comercialización na propia Casa da Luz. Ramón Rozas definiu o catálogo como “un libro vivo, que foxe das estanterías”.
Román expresou o seu agradecemento aos profesionais que se sumaron a este proxecto artístico e documental que vén complementar o traballo que a Concellería de Turismo está a facer para promocionar a cidade. As prazas do Centro Histórico son eixe central de cantos esforzos facemos para proxectar Pontevedra cara ao exterior, explicou a concelleira. De aí, que nos atrevamos a proclamar en formato vídeo que “Pontevedra é un amor”. E de aí que tamén nos tomaramos un tempo para berrar con esta colección fotográfica de filosofía “slow food”, o noso orgullo por poder gozar de creacións humanas tan perfectas como as prazas da Leña, da Ferrería, da Verdura ou do Teucro, espazos nos que non hai moito tempo vendíanse alimentos por gremios, forxábase o ferro ou se confeccionaban cestos.