Antón Louro presentará aos veciños de Santa Clara e o Campo da Torre os seus proxectos de reforma urbana

64

Os veciños dos barrios de Santa Clara e o Campo da Torre coñecerán durante a próxima semana o deseño dos proxectos de reforma urbana que a Concellería de Urbanismo executará ao longo dos próximos meses.
As actuacións, que contan cun orzamento global duns 1,9 millóns de euros, constitúen dúas das principais obras a executar polo Concello durante o próximo ano.
Os proxectos, que veñen sendo elaborados dende hai algúns meses, están a ser rematados polo servizo municipal de Arquitectura en contacto directo co tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro. No proceso de elaboración celebráronse algunhas visitas aos ámbitos para tomar decisións sobre cuestións concretas.
A primeira das xuntanzas celebrarase o próximo martes, día 6, no local social da asociación veciñal San Roque, a partir das 12 horas. Alí comparecerán o concelleiro e os  técnicos municipais para explicar os plans para o barrio do Campo da Torre. A segunda, chegará dous días despois, o xoves, día 8, a partir das 19 horas, no salón de actos da Cruz Vermella. Servirá para dar conta do proxecto para a rúa de Santa Clara.
O tenente de alcalde destaca que quere levar a cabo unha metodoloxía de traballo que reserva un papel aos veciños. Cremos que a Concellería debe fixar o trazo gordo das actuacións, en función das necesidades existentes, pero sen renunciar a unha marxe de flexibilidade para acoller suxestións e propostas que non vaian contra o espírito dos proxectos.
Antón Louro está satisfeito do resultado dos dous proxectos e agarda que os planos convenzan á veciñanza, pois o investimento municipal vai supor unha importante mellora na calidade urbana (e por tanto, calidade de vida) dos habitantes das dúas zonas.
O tenente de alcalde conclúe que os dous proxectos van supoñer un cambio moi importante para dúas zonas cheas de recunchos que nunca foron planificados axeitadamente e nos que impera certo caos, tanto na concepción das beirarrúas, como dos propios aparcamentos, que se realizan de xeito desordenado. Son dúas zonas que, estando case no centro urbano (máis aínda no caso de Santa Clara) carecen dun tratamento urbano homologable.


En canto ás liñas xenéricas dos proxectos, pódense destacar as seguintes:

 

  • Equilibrio entre a o tránsito rodado e o tránsito peonil. A idea é dar maior protagonismo ao peón e aos espazos de convivencia entre residentes e entre transeúntes. Pero permitindo as circulacións en vehículo que sexan necesarias. Por este motivo, en ningunha das áreas sobre as que se actúa se opta por unha prohibición absoluta do tráfico.
  • Bolsas de aparcamento. En función das posibilidades existentes, hai un intento por manter as prazas de estacionamento. E mesmo por compensar as reducións nos ámbitos máis sensibles, trasladándoas a rúas próximas.
  • Aposta moi clara pola promoción do patrimonio histórico-artístico. Os bocexos conceden ao convento de Santa Clara e á praza de touros, como edificios catalogados, o protagonismo que merecen, enxalzando as súas contornas.
  • Renovación completa de todos os servizos soterrados. Os dous ámbitos comparten os problemas derivados dunhas redes completamente obsoletas, especialmente no que atinxe ao saneamento. Isto tradúcese en problemas de distinto tipo e en asolagamentos ocasionais dos baixos.
  • Aforro co mantemento dos elementos que se atopan en bo estado. Fundamentalmente, a iluminación pública actual. As luminarias son recentes e atópanse en bo estado. Por tanto, agás algunhas correccións puntuais como as previstas para a praza interior do Campo da Torre ou o entorno monumental do convento de Santa Clara, non será necesario un novo sistema de alumeado público.