A Concellaría de Patrimonio Histórico dá a coñecer o patrimonio funerario do municipio

71

A Concellaría de Patrimonio Histórico realizará neste mes de novembro unhas xornadas sobre patrimonio funerario do municipio. Esta programación é un dos temas que o concelleiro Luís Bará presenta na reunión do Consello Asesor do Patrimonio que se celebra hoxe, a partir das 18.00 horas no Pazo de Mugartegui.

As xornadas serán as seguintes:

• Sábado, 10 visita guiada ao cemiterio municipal de San Amaro
• Sábado, 17 visita ao cemiterio parroquial e á Cama do Santo (sepulcro antropomorfo) da Canicouva.
• Sábado 24 visitaranse os enterramentos megalíticos (mámoas) da Chan de Castiñeiras e Chan da Armada, no contorno do lago de Castiñeiras
• O programa remata na última semana de novembro con unha mesa redonda no CITA na que participarán Olalla López Costas, antropóloga física (estudou os restos óseos dos cemiterios de Santa María e San Bartolomeu o Vello de Pontevedra) e Antonia Mª Pérez Naya, arquitecta especialista en cemiterios rurais.

O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer un patrimonio pouco estudado e promocionado como é da cultura funeraria: os cemiterios urbanos e rurais abordaranse desde unha perspectiva histórica e tamén a partir das súas características arquitectónicas e artísticas. Tamén se dedicará unha xornada aos enterramentos na prehistoria, coa visita a dúas mámoas de excepcional interese coma os conxuntos da Chan de Castiñeiras e Chan da Armada.

O concelleiro tamén informará sobre unha nova viaxe de coñecemento de iniciativas sobre o patrimonio cultural que será o sábado, 1 de decembro ao conxunto monumental de Santa Mariña de Augasantas, Castro de Armeá e vila de Allariz, no Concello de Allariz.

Trátase dunha viaxe na que poderán participar representantes de asociacións e persoas a título individual. O obxectivo é coñecer experiencias de recuperación e posta en valor do patrimonio, que poidan servir de referencia para proxectos de aproveitamento do patrimonio rural pontevedrés.

Na anterior viaxe programada, no pasado mes de xuño, un grupo de 50 persoas visitou a rede de museos etnográficos de Viana do Castelo.

Os membros do Consello Asesor do Patrimonio tamén coñecerán o proxecto “Chamámonos así” que está a realizar a Concellaría de Normalización Lingüística nas distintas parroquias do rural pontevedrés para a recuperación e divulgación da toponimia tradicional das parroquias de Pontevedra; e os traballos que se están a realizar sobre ao catálogo de patrimonio do rural co obxectivo de ampliar e actualizar o catálogo das parroquias, no que se inclúen catro tipos de bens:

– arqueolóxicos
– arquitectónicos
– etnográficos
– infraestruturas

O proceso de actualización toma como punto de partida a proposta elaborada polo equipo redactor do novo PXOM. A partir deste documento e do actualmente en vigor, os técnicos municipais están facendo un traballo de estudo e revisión sobre o terreo. Por outra parte, os consellos parroquiais tamén están a facer achegas para mellorar o catálogo.

A previsión é que este proceso remate na primavera do 2013 para a continuación tramitar a súa aprobación pola administración autonómica. Este traballo forma parte do plan do patrimonio das parroquias aprobado polo Consello Asesor do Patrimonio e que se desenvolverá no período 2012-2016.