A praza de España acolle este venres a primeira feira de deportes minoritarios “Mostra-T Deportivamen-T”

51

A praza de España converterase nunha homenaxe aos deportes minoritarios. O céntrico espazo fronte á Casa do Concello ofrecerá un escaparate no que achegarse a 10 modalidades deportivas moi distintas ás que, día tras día, ocupan os titulares nos medios de comunicación social.
A Concellería de Deportes decidiu poñer en marcha esta primeira feira das disciplinas menos coñecidas polo gran público. “Mostra-T Deportivamen-T” aproveita a riqueza que supón a existencia na cidade de clubs moi activos e que acadan importantes éxitos a nivel nacional e mesmo internacional.
A feira pode visitarse entre as 17 e as 19,30 horas deste venres, día 16. A actividade, completamente gratuíta, está dirixida a todos os públicos e será unha oportunidade de coñecer de cerca outros xeitos de facer deporte. Está confirmada a presencia dos clubs Ximnasia Rías Baixas, Club Voleibol Pontevedra, Mareantes Rugby Club, Club Natación Sincronizada, Escola de Baile Pasos, Club Salvamento Acuático Sapo, Club Montañeiros A Roelo-Pontevedra, Taekwondo Mace Sport, Loita Olímpica Pontevedra e Escola de Xadrez Pontevedra.
A praza de España convértese así nun pavillón polideportivo descuberto, con diversos espazos valados ou de terreos de xogo marcados sobre o pavimento nos que será posible seguir as evolucións dun variado elenco de deportistas afeitos a competir. Os combates, partidos e exhibicións completaranse con momentos de interacción co público.
O concelleiro Agustín Fernández, indica que trátase dunha primeira edición, na que se irán probando cousas, co obxectivo de ir mellorándoa e consolidándoa de cara a futuras edicións, nas que podería ampliarse o número de modalidades deportivas e, chegado o caso, mesmo de datas.
Fernández considera que Pontevedra é unha cidade cun enorme potencial deportivo. A forza da nosa sociedade tradúcese na existencia de máis dun cento de clubs que realizan un traballo inxente tanto na formación de novos deportistas como no desenvolvemento integral dos practicantes que só buscan instantes de lecer. É preciso, engade, que a Concellería de Deportes faga os máximos esforzos por estar á altura.
Froito deste empeño, xorde esta primeira edición de “Mostra-T Deportivamen-T” que, ademais, incluirá a entrega  dunha Guía de Recursos para a Captación de Socios e Voluntarios, un documento práctico que pretende ser unha axuda para a organización interna dos clubs con menos medios.