A Xunta obriga a incluir Ence como zona industrial no novo PXOM

75

O Concello de Pontevedra recibiu onte a última hora da mañá un informe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na que reitera a obriga do Concello a incluír os terreos de Ence como industriais no futuro Plan Xeral. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera explicou esta mañá que "este é un obstáculo insalvable para continuar coa tramitación do Plan Xeral".

Logo das dúas sentenzas do Tribunal Supremo e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Concello enviou unha pregunta á Consellería para saber si se ratificaba no seu informe de agosto de 2010 que obrigaba ao Concello a recoller o Plan Sectorial de Ence, e polo tanto, deixar a perpetuidade eses terreos con cualificación industrial; ou, polo contrario, rectificaba esta obriga en función destes dous fallos xudiciais.

A contestación da Xunta reitérase no informe de agosto de 2010, polo que o concelleiro de Infraestruturas explicou esta mañá que "este obstáculo é insalvable". Explicou que si as declaracións públicas que fan os dirixentes da Xunta de Galicia sobre o futuro de Ence en Lourizán, sobre o seu traslado, se corresponderan coa realidade terían marco legal nestas sentenzas ditadas sobre o Proxecto Sectorial, pero a realidade é que cada comunicación oficial que fan ao respecto vai no sentido contrario a esa opinión que defenden en público.

Para o concelleiro de Infraestruturas existen dous obstáculos para continuar coa tramitación do Plan Xeral: a inclusión de Ence como zona industrial e a negociación da edificabilidade. "Sempre pensamos que a primeira sería un obsáculo que tería unha solución fácil, e estabamos dispostos a pelexar pola edificabilidade, pero vemos que nin sequera é así".