Comprar no comercio de Pontevedra durante a campaña de Nadal ten premio

44

Un tiovivo, unha carpa de actividades e atractivos xogos na rúa compoñen a oferta lúdica de “Pontexogos”, a campaña de animación ás compras de Nadal que pon en marcha a Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo. Un amplo abano de actividades para nenos/as de 3 a 12 anos das que se poderá gozar gratuitamente con só presentar un recibo de compra do comercio pontevedrés.
A campaña, que hoxe presentou a concelleira Carlota Román, chega acompañada dun cartel no que unha nena dá un brinco ataviada con roupa de inverno e un gorro de Papá Noel. O lema elixido é “Que non nos quiten a ilusión!”, unha mensaxe positiva, coa que, en palabras de Román, preténdese poñer un contrapunto a tanto pesimismo oficial e cifras catastrofistas.
A concelleira destacou o esforzo realizado polo seu departamento para manter unha campaña que este ano perdeu o apoio de Novagalicia Banco (o ano pasado Novacaixagalicia achegou 20.000 euros). Decidimos priorizala para apoiar ao comercio e tamén para non castigar aos rapaces, moitos dos cales xa terán que sufrir recortes nas súas propias casas por mor desta horrible situación económica, explicou.
Desenvolverase entre o 14 de decembro e o 4 de xaneiro na praza de España. O recinto estará aberto de 11 a 13.30 horas e de 17 a 20 horas. Aínda que só en horario de tarde durante as xornadas dos días 14, 17, 18, 19, 20 e 21 de decembro. Pechará por descanso durante as festividades dos días 25 de decembro e 1 de xaneiro.
Para acceder basta con presentar o comprobante de compra (de calquera importe e de calquera establecemento) na caseta de información turística (o cubo acristalado), onde será cambiado por un “pasaporte” válido para realizar unha viaxe por todas as estacións de “Pontexogos”. En cada unha delas esixirase a presentación do “pasaporte”, que será selado polo monitor. Cada día haberá que renovar a “documentación” cun novo recibo de compra.
Todos os días, diante da carpa colocarase a programación xeral de actividades especiais para cada xornada.
O tiovivo volverá ser a estrela da programación. Cada rolda durará entre 4 e 5 minutos.
O complemento perfecto será a carpa de actividades (40 por 15 metros), que funcionará como ludoteca orientada a nenos de 3 a 6 anos e tamén para rapaces de 7 a 12 anos. Para os máis pequenos ofreceranse xogos de psicomotricidade, xogos simbólicos, xoguetes de construción e o curruncho do artista. Os maiores terán tamén xogos de mesa sobredimensionados, futbolín, zancos, aros, bolos, anelase xogos de estratexia.
Pero non queda aí, porque a carpa acollerá tamén estacións de saltariqueiros (con pelotas e inchables), estación de xogos e bailes do mundo e, finalmente, a estación de creadores, onde poderán facerse actividades tan curiosas como elaborar un reno con noces, papiroflexia, calceta, estampación con verduras, adornos de Nadal, xoias, maquillaxe, globoflexia, experimentos, creación dun conto e pompas de xabrón.
En canto ás actividades especiais, haberá gags de humor, animación musical, contacontos, malabares e circo, concursos, cine e maxia.
A oferta final chega cos Xogos na Rúa, que se ofrecerán, en días puntuais, sempre que o tempo o permita, no exterior da carpa da praza de España. Entre eles, xogos de canastra, xogos populares, adaptados e xogos con paracaídas.
“Pontexogos” ofertará tamén un recuncho para que a rapazada poda escribir as súas cartas aos Reis Magos e depositalos na caixa de correo que se entregará directamente a Papá Noel e as Súas Maxestades de Oriente, que visitarán o recinto nas vésperas das súas chegadas.