Concello e Deputación negocian un convenio de construción de infraestruturas

40

O Concello de Pontevedra e a Deputación provincial asinarán proximamente un convenio de colaboración para a execución de obras de infraestrutura na cidade. Na actualidade o Goberno Local negocia para que se inclúan neste borrador a conexión da estrada do Marco (rotonda de Jubiol) até Montecelo e Príncipe Felipe, e a conexión dos Campos coa urbanización de Tafisa.

Así o explicou esta mañá o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera logo de o presidente provincial, Rafael Louzán desvelase a próxima sinatura do convenio. O concelleiro pontevedrés manifestou que as conversas retomáronse logo dun ano, xa que "existe a vontade expresa da Deputación de asinar un convenio basicamente de infraestrutura viaria".

Xa existiron contactos entre os técnicos municipais e os provinciais para perfilar contías e proxectos, "e segundo as contas, as dificultades e a dispoñibilidade de cada quen, agardemos que se acometan aquelas dúas actuacións, senon, cando menos a da zona Leste", concluíu César Mosquera, quen lembrou que "se hai vontade polas dúas partes, a colaboración sempre ten saída".