Nace o primeiro Torneo da Igualdade de baloncesto, froito da colaboración entre o Arxil e o Estudantes Pontevedra

65

O Nadal deportivo pontevedrés contará co aliciente da celebración do I Torneo da Igualdade, que enfrontará aos equipos de todas as categorías base do Arxil e o Estudantes Pontevedra. Serán un total de nove partidos, con preto dun cento de 100 participantes, e que conta coa particularidade de que se enfrontan equipos femininos a equipos masculinos.
O torneo, que non ten carácter competitivo, foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, quen estivo acompañado dos responsables do Arxil, Maite Méndez, e do Estudantes, Miguel Barreiro.
Agustín Fernández destacou que trátase dun torneo que nace para quedarse e aplaudiu o entendemento entre os dous clubs pontevedreses do deporte da canastra. Parécenos unha idea magnífica, destacou o edil, quen anticipou que a colaboración é especialmente interesante, sobre todo despois da fusión acaecida o ano pasado entre os dous clubs masculinos.
O torneo celébrase mañá, xoves, día 7. O horario comeza ás 16.00 horas e o último partido ás 20.30 horas. Disputarase simultaneamente nos pavillóns da Xunqueira I e o de Maxisterio. No torneo participan todas as categorías base: benxamíns, alevíns, infantís e cadetes.
Maite Méndez e Miguel Barreiro destacaron que trátase de dar oficialidade a algúns partidos amistosos que, ata o de agora, se organizaban de xeito case privado. Sobre a posibilidade dunha fusión, suxerida polo concelleiro de Deportes, indicaron que, polo momento, non está en estudo, pero non descartaron pasos no futuro.