Comezan as obras de emerxencia a consecuencia dos danos causados polos temporais de decembro

43

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá as obras de emerxencia que se realizarán nunhas 20 rúas da cidade para mellorar espazos peonís que se viron seriamente danados cos temporais do mes de decembro. Estas obras comezaron esta mesma mañá pola Porta de Travancas, en pleno centro histórico, onde existe un prazo de execución dunhas tres semanas.

Os traballos de emerxencia teñen unha contía de 122.500 euros e serán executados pola empresa Eiriña. Serán visitados polo concelleiro responsable de accesibilidade e coordinador da zona urbana, Luís Bará, que informará do calendario de desenvolvemento das obras.

Iluminación na praza de Europa

Hoxe mesmo remataron os traballos de mellora e substitución da iluminación pública da praza de Europa. A praza dispuña de moi distinto tipo de farois, a maior parte deles obsoletos que foron substituídos por 20, máis altos no perímetro da praza e outras máis acordes co entorno no interior da praza, ademais de proxectores para os parques infantís que carecen dunha iluminación apropiada.

O cambio desta iluminación implica melloras de eficiencia enerxética, seguindo a política realizada no resto da cidade. O proxecto supuxo un investimento de 22.000 euros. Aínda que se poida tratar dunha pequena contía, supón unha importante mellora para a calidade de vida dos veciños de Monte Porreiro e usuarios do parque.