Continúa a campaña de poda das árbores urbanas polas zonas máis céntricas da cidade

58

A Concellaría de Parques e Xardíns, que xestiona Anxos Riveiro, retomou nestas semanas os traballos de poda nos distintos parques da cidade, así como do arborado urbano. As podas están sendo máis intensas nas zonas no que o arborado pode interferir no tráfico (especialmente en vehículos de gálibo), ou que afecte que fachadas ou a peóns.
Estase podando nos xardíns de Marescot, Alameda, xardíns de Vincenti, Barcelos, praza da Verdura, Raíña Vitoria. Nos vindeiros días continuarase polas rúas Castelao, Cruz Gallástegui…
Esta campaña tamén se estendeu aos centros de ensino onde se fixo un traballo importante coa poda do arborado (como nos colexios da Xunqueira) ou co trasplante e reposición de arborado máis idóneo no centros como no caso de Marcón, onde se trasplantaron dous piñeiros que no futuro poderían causar problemas de seguridade aos rapaces do centro.
Nestes traballos tamén estaba a mellora xeral das zonas verdes dos colexios.
O duro inverno de fortes chuvias e ventos obrigou a ir demorando os traballos de poda, que se foron facendo en días soleados ou sen chuvia. Os traballos poderán rematar ao longo deste mes, se o tempo acompaña.

Novas plantacións
Paralelamente, o departamento de Parques e Xardíns está a facer plantacións en distintas rúas, repoñendo arborado afectado por enfermidades ou por outras problemáticas. Substituíronse dúas árbores na rúa Cobián Roffignac; na praza de Barcelos onde se están a colocar árbores de sombra nas zonas máis peonís para mellorar a estadía das persoas que empregan esta praza durante o verán e os días de calor.
Tamén está previsto completar a horta urbana de Daniel de la Sota cun novo exemplar, así como substituir unha magnolia na praza de San Xosé. É intención da Concellaría ir repoñendo árbores en distintos espazos verdes do concello que o precisen.