Chegan as Olimpíadas do Recreo, unha competición escolar ao redor do deporte, a ciencia, a cultura e a saúde

36

Aprender dun xeito divertido é o obxectivo final dun novo programa que a Concellería de Educación vai poñer en marcha durante o próximo mes de marzo. Chegan as Olimpíadas do Recreo.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, presentou hoxe a iniciativa acompañado do presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra), Alberto Pita e da coordinadora do proxecto, Iria Fernández.
O responsable municipal destacou esta nova oferta pedagóxica municipal, que cobra máis relevancia aínda nos tempos que corren, e volveu lembrar a forte implicación do Concello de Pontevedra co Ensino, que vai moito máis alá das súas competencias legais. Fronte aos recortes doutros, afirmou, nós incrementamos a oferta e fronte a un conselleiro de Educación que despreza e esquece as promesas con Pontevedra, máis apoiamos ao Ensino Público.
Agustín Fernández destacou o novidoso desta proposta, que fomenta especialmente a interrelación entre os 21 colexios públicos da cidade, e agradeceu especialmente o apoio de Fanpa-Pontevedra, sempre interesada en traballar a prol do ensino público e promover actividades diferentes e divertidas.
As Olimpíadas do Recreo están dirixidas aos rapaces de Quinto e Sexto de Primaria de todos os colexios públicos competirán dun xeito divertido ao tempo que aprenden conceptos sobre a importancia da práctica deportiva, da alimentación saudable, sen perder de vista a cultura e a ciencia.
As Olimpíadas comezan cunha primeira fase clasificatoria, artellada en torno a grupos de cando menos tres alumnos. Os catro colexios mellor clasificados pasarán ás semifinais e, no caso de seren eliminados, a unha rolda de consolación. A gran final disputarase o domingo, 14 de abril, entre os dous colexios máis destacados. As Olimpíadas rematan cunha gran festa para todos os nenos/as participantes.
Os gañadores obterán un cheque-regalo de material escolar valorado en 400 euros; os segundos, cheque-regalo de 200 euros e os terceiros, de 100 euros.
A competición xira en torno a catro áreas, nas que se vai obtendo unha puntuación. Comeza coa área de Educación e Cultura: un gran “pasapalabra” electrónico baseado na cidade de Pontevedra e a provincia para coñecer a historia, a xeografía, a cultura… A continuación chega a parte Científica, na que un investigador tolo aprenderá aos nenos as cousas máis divertidas e sorprendentes da ciencia e invitaraos a realizar experimentos e deseñar inventos. O terceiro apartado será o Deporte e consistirá nunha carreira de Orientación polo Centro Histórico. A última área da competición está dedicada á Saúde: unha dietista aprenderá aos alumnos a importancia dunha dieta axeitada e explicará as boas prácticas alimenticias a partir dunha visita á Praza de Abastos e un mercado teatralizado, situado no primeiro andar do edificio. Os rapaces terán que realizar a súa compra semanal. Inclúe tamén un xogo virtual para testar a compra e inxestión de produtos saudables.
As actividades serán rotatorias, de xeito que os equipos de cada colexio pasarán por todas elas. A duración de cada xornada das Olimpíadas do Recreo será de tres horas.