IES Sánchez Cantón gañador do Club de Debate

61

O IES Sánchez Cantón foi o gañador do Club de Debate cuxa fase final celebrouse esta mañá no Café Moderno cun grande seguimento de público. O xurado calificou as intervencións dos dous equipos (Sánchez Cantón e Ponte Caldelas) como moi brillantes, de feito as cualificacións foron moi apretadas, 198,5 de Sánchez Cantón fronte a 196 de Ponte Caldelas.
A fase final discurreu cun grande sentido da competitividade pero tamén do compañeirismo, amosando a profesionalidade e o bo facer de ambos equipos. En xeral, de todos os que participaron nesta edición do Club de Debate.
O equipo gañador pasará a disputar a fase galega que será o vindeiro 4 de maio, en Santiago de Compostela e que terá como tema “O galego é unha oportunidade”. Para esta segunda edición da fase galega o 16 de novembro de 2012 dez concellos asinaron unha addenda ao protocolo de colaboración xa existente; participan os concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo.
O gañador terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 25 persoas nun espazo de interese natural e cultural da nosa comunidade. Ademais, recibirá tamén un premio en materia cultural valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, tamén en material cultural, valorado en 300 euros.
O Club de Debate naceu ao abeiro do que sinala o Plan Xeral de Normalización Lingüística para un dos sectores que considera estratéxico, a mocidade, e recolle a responsablidade que lle atribúe á Administración local no seu cumprimento. Formúlase con base no obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).
Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación. En función do número de equipos inscritos (antes do 30 de novembro na maioría dos concellos), organízanse as competicións locais ou comarcais das cales sairá seleccionado o equipo de cada comarca que asista á competición final.