Os Camiños Escolares estenderanse a toda a cidade no vindeiro curso

61

A Concellaría de Seguridade Cidadá ampliará os Camiños escolares a todos os centros de ensino da cidade no vindeiro curso, segundo explicou esta mañá a concelleira responsábel do servizo, Carme da Silva. Indicou que o proxecto púxose en marcha hai dous anos e medio, e iniciouse no curso 2011 no colexio Álvarez Limeses. “Logo de dous anos en marcha, o resultado é moi positivo”, explicou a concelleira quen relatou que aos principios do programa só ían 13 nenos sos e andando ao centro, e agora son máis de cen.
Co proxecto de Camiños Escolares a Concellaría de Seguridade Cidadá pretende que a sociedade se responsabilice de que o espazo público ten que ser seguro; que existen mobilidades alternativas “grazas ao modelo de cidade que temos”, informaba Carme da Silva; e permite aos pequenos a responsabilizarse, a gañar autonomía e en solidariedade.
Camiños Escolares tivo unha moi boa acollida na sociedade pontevedresa pero tamén fóra do concello. Representantes municipais participaron en congresos en Huesca, Segovia, Ourense… e están pendentes reunións en Carballo para a posta en marcha dun proxecto similar.
Até o de agora, a Concellaría xa mantivo reunións co claustro de profesores e da Anpa en Froebel e Campolongo, con resultados moi proveitosos, e nas vindeiras semanas se manterán encontros en Barcelos e Vidal Portela. Pero a intención é incluir neste proxecto a todos os centros da cidade que poidan servirse do modelo de cidade, e que non supoña problemas en relacións ao viario, é dicir, incluir a centros de ensino circulados cun viario que non é municipal ou cunha grande carga de tráfico pode resultar complicado, como por exemplo, a avenida de Compostela.
Unha vez rematadas as reunións cos claustros e Anpa dos centros, farase unha xornada con todos os pais ou acompañantes dos escolares con carácter formativo e informativo sobre os Camiños Escolares a cargo de expertos que explicarán os beneficios que este proxecto dá aos rapaces.