Roteiros temáticos polo patrimonio cultural, histórico e natural de Pontevedra

63

A Concellaría de Patrimonio Histórico presentou esta mañá os Roteiros temáticos urbanos incluídos dentro da programación do segundo trimestre do ano desta concellaría. Son cinco saídas que permitirán descubrir os pequenos recantos, os xardíns, os conventos, as arquitecturas contemporáneas e os espazos da heterodoxia de Pontevedra.
Con esta iniciativa, a Concellaría que xestiona Luís Bará pretende de descubrir a outra cidade, a que non vemos habitualmente debido ás presas e ás urxencias cotiás…, a que se agocha nos grandes edificios ou nos pequenos detalles… Unha Pontevedra de contrastes, na que convive o silencio dos espazos sagrados e o albordo dos parques, prazas e xardíns; a presenza contundente do relixioso e a faciana oculta do profano e do proscrito; a magnificencia das grandes arquitecturas e o engado das pequenas formas escultóricas. Unha Pontevedra, en fin, sedutora, cálida, inédita, para degustar pausadamente en cinco xornadas de sábado.
O programa comeza o sábado 27 de abril e continúa os sábados de maio até o día 25. A duración estimada é entre 2 e 3 horas, con comezo ás 11 da mañá. As prazas son limitadas e haberá inscrición previa, a través da entrada Actividades Patrimonio, na páxina web www.pontevedra.eu, de luns a venres antes de cada roteiro.
Programa
• Sábado 27 de abril. Roteiro temático 1. Recantos con encanto, guiado por Ramón Rozas. Saída da praza da Leña. No percorrido visitarase a praza de Méndez Núñez (Valle Inclán e placa de Méndez Núñez); praza da Verdura (fonte, Casa da Luz e fiestra medieval), A Ferraría (Casa das Caras, Xardíns e fonte, rosetón de San Francisco), A Peregrina (tondo no altar do santuario e figura de Teucro, estatua do Ravachol), As Palmeiras e Alameda (Monumento aos Navegantes, azulexos de Carlos Sobrino, monumento dos Heroes de Ponte Sampaio), busto de Manuel Quiroga…
• Sábado 4 de maio. Roteiro temático 2: Conventos e igrexas medievais, conducido por Carmela Sánchez Arines. Inicio ás 11 horas na igrexa de San Francisco. Percorrido por San Francisco (igrexa e claustro), Ruinas de San Domingos, espazo de San Bartlolomeu o Vello (Teatro Principal) e igrexa de Santa Clara.
• Sábado 11 de maio. Roteiro temático 3: Xardíns históricos e hortas urbanas, conducido por Jaime Blanco Dios, coautor de As árbores de Pontevedra. Inicio na antiga delegación de Sanidade (Avda de Vigo). Visitaranse os xardíns históricos da cidade e outros non tan coñecidos como o da antiga delegación de Salidade ou a Casa dos Muruais.
• Sábado 18 de maio. Roteiro temático 4: a arquitectura contemporánea. En colaboración co COAG-Pontevedra, conducido por Marta Guirado e Diego Germade. Saída do ambulatorio Virxe Peregrina. Farase un percorrido por edificios contemporáneos como o Ambulatorio da Virxe Peregrina e inmobles da cidade de arquitectos como De la Sota, Xosé Bar Boo, César Portela, José Basilio Bas e José Antonio Corrales ou José Taracido Fraga.
• Sábado 25 de maio. Roteiro temático 5: a heterodoxia en Pontevedra. Conducido por Olga Conde. Saída do palco da Alameda. Tal vez o roteiro máis singular dos cinco permitirá visitar a Deputación e Concello de Pontevedra en relación ao librepensamento e laicismo no XIX (Indalecio Armesto); Casa de Eulogio Fonseca-sala de reunións masónicas (Arquivo Histórico); Casa dos Pintos Fonseca (loxa Marco Aurelio, teosofía); imprenta de Joaquín Poza Cobas na rúa Michelena (prensa, a familia Poza); farmacia de Joaquín Maquieira na rúa Michelena (loxa masónica e faladoiro); e a Escola Laica dos Poza na rúa Andrés Muruais.

Formulario de inscrición

Ver documento PDF