Roteiros temáticos urbanos

79

Roteiros temáticos polo patrimonio cultural, histórico e natural de Pontevedra. Saídas que permitirán descubrir os pequenos recantos, os xardíns, os conventos, as arquitecturas contemporáneas e os espazos da heterodoxia de Pontevedra.

A duración estimada é entre 2 e 3 horas, con comezo ás 11 da mañá. As prazas son limitadas e haberá inscrición previa, a través da entrada Actividades Patrimonio, na páxina web www.pontevedra.eu, de luns a venres antes de cada roteiro.

• Sábado 27 de abril. Roteiro temático 1. Recantos con encanto, guiado por Ramón Rozas. Saída da praza da Leña. No percorrido visitarase a praza de Méndez Núñez (Valle Inclán e placa de Méndez Núñez); praza da Verdura (fonte, Casa da Luz e fiestra medieval), A Ferraría (Casa das Caras, Xardíns e fonte, rosetón de San Francisco), A Peregrina (tondo no altar do santuario e figura de Teucro, estatua do Ravachol), As Palmeiras e Alameda (Monumento aos Navegantes, azulexos de Carlos Sobrino, monumento dos Heroes de Ponte Sampaio), busto de Manuel Quiroga.

• Sábado 4 de maio. Roteiro temático 2: Conventos e igrexas medievais, conducido por Carmela Sánchez Arines. Inicio ás 11 horas na igrexa de San Francisco. Percorrido por San Francisco (igrexa e claustro), Ruinas de San Domingos, espazo de San Bartlolomeu o Vello (Teatro Principal) e igrexa de Santa Clara.

• Sábado 11 de maio. Roteiro temático 3: Xardíns históricos e hortas urbanas, conducido por Jaime Blanco Dios, coautor de As árbores de Pontevedra. Inicio na antiga delegación de Sanidade (Avda de Vigo). Visitaranse os xardíns históricos da cidade e outros non tan coñecidos como o da antiga delegación de Salidade ou a Casa dos Muruais.

• Sábado 18 de maio. Roteiro temático 4: a arquitectura contemporánea. En colaboración co COAG-Pontevedra, conducido por Marta Guirado e Diego Germade. Saída do ambulatorio Virxe Peregrina. Farase un percorrido por edificios contemporáneos como o Ambulatorio da Virxe Peregrina e inmobles da cidade de arquitectos como De la Sota, Xosé Bar Boo, César Portela, José Basilio Bas e José Antonio Corrales ou José Taracido Fraga.

• Sábado 25 de maio. Roteiro temático 5: a heterodoxia en Pontevedra. Conducido por Olga Conde. Saída do palco da Alameda. Tal vez o roteiro máis singular dos cinco permitirá visitar a Deputación e Concello de Pontevedra en relación ao librepensamento e laicismo no XIX (Indalecio Armesto); Casa de Eulogio Fonseca-sala de reunións masónicas (Arquivo Histórico); Casa dos Pintos Fonseca (loxa Marco Aurelio, teosofía); imprenta de Joaquín Poza Cobas na rúa Michelena (prensa, a familia Poza); farmacia de Joaquín Maquieira na rúa Michelena (loxa masónica e faladoiro); e a Escola Laica dos Poza na rúa Andrés Muruais.