“Día das Letras Galegas” no Museo de Pontevedra

67

Co gallo desta celebración, o venres 17 de maio, ás 12:00 h, terá lugar unha función do espectáculo Camiño de historias, dirixido ó público infantil, a cargo do grupo de teatro Migallas, a desenvolver no salón de actos do Sexto Edificio, cunha duración dunha hora.

 

Trátase dun espectáculo constituído por varias historias de tradición oral procedentes de diversos continentes e enlazadas mediante cancións e ditos populares.

 

Cada relato é tratado dun xeito diferente combinando a narración con técnicas de expresión plástica e dramática. Así, pois, nuns prima a palabra, noutros, as imaxes e noutros recupérase a arte dos actores e contadores ambulantes das feiras de antano.

 

Malia ser tradicionais, os contidos que tratan estas historias son actuais e próximos ós nenos e ás nenas: os rapaces consentidos polos pais, o afán de posuír xoguetes e lambonadas, o ritmo das estacións e o ciclo da vida, a importancia da música e da festa, etc.

 

As cancións e os ditos tradicionais arroupan todo o espectáculo co fin de difundir a literatura popular infantil de Galicia.

 

Ademais, na zona de cristal do Sexto Edificio, a Deputación de Pontevedra vai regalar un libro a cada persoa que visite as instalacións do Museo Provincial, ofertando tamén outros a un prezo máis reducido do que é habitual, co seguinte horario: o venres 17, entre as 11:00 e as 14:00 h, e o sábado 18 desde as 11:00 ás 14:00 h e desde as 17:00 ata o peche das instalacións ás 24 h.