A Concellería de Turismo apóiase na figura de Ravachol e o Teucro para promocionar o destino Pontevedra

43

A Capital das Rías Baixas será protagonista en Irún durante toda a próxima fin de semana. Aproveitando a participación da Sociedade Deportiva Teucro na fase de ascenso á División de Honra de balonmán, a Concellería de Turismo preparou unha acción específica de promoción.
A iniciativa, que foi presentada hoxe pola concelleira Carlota Román e o presidente do club, Carlos García Alén, xirará ao redor da figura do loro Ravachol e do empuxe das novas tecnoloxías, dado que incluirá un concurso a través de Instagram, Facebook e Twitter.
Carlota Román destacou que o vínculo entre o deporte e o turismo é especialmente estreito en Pontevedra, como queda demostrado cos resultados que se están a acadar coa organización de grandes eventos. Desta volta, engadiu, trátase tamén de utilizar as posibilidades que abren os éxitos deportivos do Teucro, levando a promoción da nosa cidade a un dos principais mercados emisores de turistas cara Galicia e Pontevedra, como é o País Vasco.
A acción, a desenvolver durante as xornadas do sábado 11 e o domingo 12,  marcará tamén unha nova estratexia na promoción turística, aproveitando todo o potencial das redes sociais, e apostando pola figura do loro Ravachol como icona turística da cidade. En Pontevedra temos a sorte de contar cunha personaxe singular e cada vez máis coñecida como o loro que capitanea o noso Entroido, destacou a concelleira Román. Utilizala pode ser un xeito distintivo, pero sobre todo efectivo, para acadar o noso obxectivo principal, que é a publicitación de Pontevedra como destino turístico.
En Irún haberá un punto de información nas proximidades do pavillón, onde se repartirán folletos sobre a cidade, así como diversos artigos de “merchandising”. Nesta localización principal estarán dispoñibles uns peluches de Ravachol e instalarase un fondo para un “photo call” diante do que os afeccionados ao balonmano e irundarras en xeral poderán fotografarse coa imaxe do loro.
As fotografías que se suban á Rede participarán nun concurso no que os tres premiados obterán unha fin de semana en réxime de pensión completa no hotel Campaniola, unha fin de semana en réxime de aloxamento e almorzo no hotel Room e catro pasaxes en barco para visitar a illa de Ons, a cargo da naviera Nabia. Carlota Román agradeceu expresamente a colaboración destas tres empresas.
As fotos, que terán que estar xeolocalizadas, deberán subirse á Instagram. Será tamén posible compartilas en Facebook facéndose fan da páxina de Visit Pontevedra ou en Twitter como follower de @visitpontevedra. Xa está creado o hashtag #whereisravachol. O único requisito para participar no concurso é ser maior de 18 anos.
Carlota Román anticipou que trátase dun primeiro paso para ir explorando novas vías de promoción da cidade e nos próximos meses iranse coñecendo máis novidades.