O 83% dos solicitantes de “licenzas express” para aperturas comerciais cumpriu correctamente coa nova normativa

65

A ordenanza de Simplificación Administrativa, que entrou en vigor o pasado mes de novembro, está a ser un éxito. Un 83% dos expedientes tramitados de acordo coa nova normativa, que elimina a burocracia nas licenzas de negocios inocuos, culminaron axeitadamente. O servizo de Disciplina Urbanística só tivo que propoñer expediente sancionador ao 17% restante.

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, explicóullelo hoxe aos directivos das asociacións de empresarios (Aempe, AJE e Cámara de Comercio) coas que se reuniu para valorar estes primeiros meses de entrada en vigor da chamada “licenza express”. Louro e os empresarios coinciden en que a nova norma é un importante avance porque permite abrir un negocio inmediatamente co único requisito de asinar unha Declaración Responsable.

En cifras absolutas, Louro destacou que houbo 138 solicitudes de apertura e só foi necesario, ata o momento, abrir 24 expedientes sancionadores. O tenente de alcalde recalcou que estamos diante dun cambio moi importante no xeito de tramitar as licenzas, que responde a un compromiso electoral e a unha petición unánime das propias asociacións empresariais, que ata hai ben pouco queixábanse da suposta lentitude na tramitación das solicitudes. Antes dicíannos que tratabamos case igual a licenza urbanística para un edificio de 300 vivendas que para un local de 16 metros cadrados e por iso, xunto cos cambios legais que entraron en vigor, asumimos o compromiso de axilizar os permisos aos emprendedores.

O tenente de alcalde subliñou que cambia a forma de tramitar as licenzas, pero a documentación esixible é a mesma. A única diferencia é que antes se pedía con anterioridade á apertura do negocio e agora faise “a posteriori”, despois da presentación da Declaración Responsable. Trátase, por tanto, dunha medida que está de parte dos emprendedores, aos que recordou que cando asinan a Declaración comprométense legalmente a dispor dos documentos que aparecen reflectidos no mesmo impreso, xusto enriba da súa sinatura. O cumprimento desta circunstancia é o que verifica a inspección municipal.

Durante a xuntanza destacouse tamén que os funcionarios dos servizos urbanísticos municipais ofrecen completa información e asesoramento aos solicitantes que se interesan pola apertura dun negocio e mesmo tamén a algúns profesionais encargados da redacción dos proxectos de acondicionamento e que están a amosar dúbidas. Sempre, engadiuse, insístese na obriga de dispor de toda a documentación necesaria

Louro lembrou que a Concellería de Urbanismo realizou unha completa campaña de información durante o proceso de redacción e aprobación da nova ordenanza, incluíndo xuntanzas cos colexios profesionais de arquitectos e aparelladores, ademais das propias organizacións empresariais.

O tenente de alcalde comprometeuse a colaborar na organización dunha xornada informativa en colaboración con estes colectivos para seguir afondando na difusión pública das características da normativa que regula as “licenzas express”.

Finalmente, anunciou que a Concellería de Urbanismo está disposta a estudar, caso por caso, cada unha das 24 propostas de sanción. De tódolos xeitos, advertiu, a ordenanza está para cumprila e, como todo mundo pode entender, o Concello non pode aprobar unha norma e logo pedirlle aos técnicos que non a apliquen. Non facelo así sería tamén inxusto para o 83% dos emprendedores que fixeron as cousas ben.