Carlota Román anuncia a veciños e comerciantes que estuda a regulación do mercado de antigüidades da praza da Verdura

55

Os veciños e comerciantes da praza da Verdura entrevistáronse hoxe coa concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, para falar da situación do mercado de antigüidades da praza da Verdura. A xuntanza, na que tamén participaron o presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Miguel Lago, e a presidente da asociación veciñal, Mariluz Fernández, concluíu co anuncio de que o departamento municipal estudará a regulación desta actividade.
Carlota Román destacou que esta iniciativa xurdiu hai algúns anos e funcionou máis ou menos ben, a pesar de que carecía dunha normativa municipal que amparase a súa propia celebración e a adxudicación dos postos. Sen embargo, nos últimos anos ten dexenerado nun mercadiño incontrolado, cada vez máis grande, no que se venden todo tipo de produtos que nada teñen que ver coas antigüidades e que, ademais, supoñen unha competencia desleal para o comercio establecido. A concelleira indicou que se ten detectado a presenza de “elementos non desexables” e mesmo se teñen producido “friccións” que é necesario atallar.
Os veciños e comerciantes coincidiron coa concelleira e solicitaron que o mercadiño se regule axeitadamente para que volva a ser un activo. Opinaron que os poucos tratantes de antigüidades que aínda acoden, vense prexudicados por outros vendedores que comercializan xénero moi diverso.
A concelleira explicou que a xuntanza de hoxe foi unha primeira toma de contacto e agora iniciará un proceso interno no Concello para avaliar a mellor fórmula para regular esta actividade, que, ao ter carácter tradicional, nin sequera encaixa directamente dentro do apartado de venda ambulante. Para elo, estará tamén atenta ao Decreto que a Xunta de Galicia está a piques de sacar.
Román insistiu en que moitas cidades europeas teñen este tipo de mercados tradicionais que, ben organizados e controlados, engaden encanto e atractivo aos barrios nos que se celebran.