Comeza o plan Vías rurais 2013 pola parroquia de Cerponzóns

58

O Concello de Pontevedra pon en marcha mañá o plan Vías rurais 2013 que pretende pór ao día as vías do rural (arredor de 150 km) realizando traballos de desbroce, limpeza de cunetas, reparación do firme das estradas; colocando, mellorando ou reforzando a sinalización tanto horizontal como vertical. Cun orzamento superior aos 150.000 euros, o Concello pretende ter en condicións a rede principal de comunicación dos diferentes lugares das parroquias de Pontevedra.
Os primeiros traballos comezarán pola parroquia de Cerponzóns coa roza e mellora da sinalización nas vías principais. Unha semana máis tarde, e unha vez que rematen estes labores previos, iniciarase o arranxo das pistas da parroquia.
O concelleiro coordinador do rural, Demetrio Gómez explicou que o plan elaborouse en base a criterios de eficiencia e aproveitando as sinerxias, de tal xeito que comezará pola parroquia de Cerponzóns e, ao rematar, continuarase coa lindante, até completar o rural pontevedrés e rematar en Lourizán.
Logo dun estudo parroquia a parroquia, o Concello constatou que moitas das vías do rural atópanse en mal estado polo duro inverno que, ademais, impediu realizar traballos de mantemento ou reparacións (salvo urxentes e moi imporantes) pola excesiva chuvia. Unha vez que o tempo volve a certa normalidade, é necesario iniciar estes traballos de posta a punto das vías rurais por motivos de seguranza viaria. Hai que ter en conta que todas estas vías do rural son de plataforma única na que conviven vehículos e peóns.
Demetrio Gómez recoñeceu que non son todas as vías do rural, pero si as que se priorizaron en cada parroquia porque permiten facer unha rede de conexión de todos os lugares de cada unha das parroquias. O resto do viario, seguindo criterios de urxencia, tamén se irá tratando empregando as brigadas municipais.
Esta intervención está incluída dentro do plan anunciado recentemente polo portavoz do Goberno, Raimundo González quen asegurara que o Concello investiría nos vindeiros dous anos dous millóns de euros no rural.
Enlace para consultar as vías que se mellorarán con este plan:
https://www.pontevedra.eu/pub/documentos/mapa_actuacion_parroquias.pdf