Recepción e homenaxe a Óscar Graña, o deportista nado en Pontevedra máis laureado

57

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, puxo hoxe en valor os méritos deportivos do palixeiro Óscar Graña, o deportista nado en Pontevedra que atesoura o máis completo palmarés.

Graña vén de proclamarse novamente campión de Europa de piragüismo maratón, na modalidade de C-2 nas probas realizadas en Vila Verde (Portugal), acompañado de Ramón Ferro. No Europeo lograron impoñerse ao barco húngaro despois dunha travesía moi competida que non se decidiu ata ao tramo final.

Agustín Fernández destacou que con este novo éxito, Graña completa dúas medallas de ouro no Mundial e tres ouros europeos, aos que suma numerosos podios, máis de media ducia de campionatos de España e varios subcampionatos. O feito de que a distancia maratón non sexa olímpica non desmerece nada esta impresionante traxectoria, destacou o concelleiro.

Fernández, quen recalcou que Pontevedra ten a sorte de contar con outros deportistas moi coñecidos que viven ou adestran entre nós, ten en Graña un auténtico referente, que merece máis recoñecemento que este acto sinxelo, celebrado hoxe na Casa do Concello.

O actual campión do Mundo e de Europa de maratón C-2 agradeceu as palabras do concelleiro e explicou que o seu próximo obxectivo é o Campionato de España, ao que debe acudir forzosamente para clasificarse para o Mundial de Copenhague, que se celebra en setembro. Unha circunstancia curiosa e que, de feito, considerou inxusta.

Con respecto á súa participación no Europeo de 2016, que se celebrará en Pontevedra, indicou que trátase dun reto difícil e complicado, pois chegará con 39 anos, e hai que manter a forma ata entón e ter sorte coas lesións.