Comezan as visitas guiadas polo Centro Histórico

64

Este luns, día 1 de xullo, comezan as visitas guiadas polo Centro Histórico de Pontevedra. A Concellería de Turismo manterá aberta a oferta ata ao 15 de setembro, cubrindo así toda a temporada de verán.
Os horarios serán, de luns a sábado, entre ás 11.30 horas e as 18.00 horas. Os domingos e festivos realizarase unicamente en horario de mañá.
O punto de saída mantense na Casa da Luz (praza da Verdura). A duración aproximada do percorrido é de 1 hora e 45 minutos. Durante a visita daranse a coñecer todo tipo de aspectos culturais, históricos, monumentais, gastronómicos e festivos relacionados con Pontevedra. No itinerario farase especial fincapé no papel histórico e urbanístico das prazas, así como a riqueza heráldica da cidade, todo iso salpicado ademais de lendas e anécdotas características da cultura pontevedresa. Visítase tamén o interior do santuario de Peregrina, San Bartolomeu e a Basílica de Santa María.
O prezo será de 5,60 euros, aínda que hai tamén unha tarifa reducida de 3,40 euros para xubilados, estudantes, nenos de 12 a 18 anos, parados e cidadáns de Pontevedra. Os nenos de ata 11 anos (inclusive) non pagan.
Por outra banda, a Concellería de Turismo confirmou xa a súa colaboración económica para que haxa visitas guiadas teatralizadas e que se ofrecerán na última quincena de xullo e a primeira semana de agosto.
Finalmente, xa están abertas as dúas casetas de información turística: a da praza de España dende o primeiro de maio e a de Vialia-estacións dende o 1 de xuño. Xunto coa Casa da Luz, completan o circuíto de información turística do Concello de Pontevedra.