A Concellería de Educación fai un balanzo moi satisfactorio dos resultados acadados polas ludotecas de verán

87

As ludotecas municipais de verán pecharon hoxe as súas portas cunha gran festa temática na Illa das Esculturas. O acto concluíu ás 13 horas coa presenza do concelleiro de Educación, Agustín Fernández, e o presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra), Alberto Pita. Ámbalas dúas entidades colaboran para dar forma a este programa municipal, destinado a conciliar a vida laboral e familiar durante os períodos vacacionais dos rapaces con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
Agustín Fernández amosouse abraiado polo éxito constante desta actividade, que non para de crecer e mellorar ano a ano. Desta volta tíñanse ofertado 1.200 prazas (superando as 1.080 do ano anterior), pero, aínda así, rebordouse esta cifra por mor da forte demanda rexistrada durante o mes de xullo.
En total cubríronse 1.300 prazas cun total de 1.180 nenos/as matriculados (hai que ter en conta que hai nenos que repiten varias quincenas entre os dous meses vacacionais). Tamén rexistrou unha grande afluencia o servizo de almorzo (Madruga) e comedor, centralizado na ludoteca de Campolongo, con preto de 50 rapaces inscritos.
O concelleiro destacou que os datos son para estar moi satisfeitos. Este ano mellorouse moito a oferta, lembrou, ampliando non só o número  de prazas, senón tamén o horario, para facelo coincidir plenamente co escolar (de 9 a 14 horas). Ao mesmo tempo baixáronse os prezos deixándoos nos 30 euros para as ludotecas urbanas e 20 euros para as de Monte Porreiro e o rural. Semella que acertamos, destacou Fernández, que atribúe o éxito á excelente xestión que se realiza dende Fanpa-Pontevedra.
O responsable municipal de Educación valora especialmente o avance na implantación das ludotecas de Monte Porreiro e no rural. Por primeira vez nos últimos anos logrouse cubrir a totalidade das prazas previstas para o mes de xullo en Monte Porreiro e mesmo se sobrepasaron con creces en Vilaverde (Mourente). As matrículas nas outras ludotecas rurais tamén creceron acadando índices de ocupación moi superiores ao 50%. Fernández atribúe boa parte deste fenómeno á equiparación do servizo no rural ás ludotecas urbanas, ou sexa, a apertura de luns a venres e en horario de 9 a 14 horas.
Finalmente, Fernández lembra que os prezos cobrados aos pais  están por debaixo dos doutros concellos, ao que hai que engadir que se ofertan descontos ás familias numerosas, ás que teñen os dous proxenitores en paro e ás  monoparentais.
O concelleiro de Educación e Fanpa-Pontevedra comezarán en breve a traballar no deseño das ludotecas do próximo curso. Unha das primeiras ideas que barallan para o verán é reforzar a oferta do mes de xullo en detrimento da do mes de agosto. A experiencia demostra que nesta última mensualidade, ao haber máis familias de vacacións, decrece a demanda. Con elo, explicou, poderemos ofrecer un servizo máis acaído e adaptarnos ás necesidades reais.
Os datos de matrícula así o parecen apuntar. Durante o mes de xullo as ludotecas urbanas (cunha oferta de 80 prazas por quincena) acabaron acollendo 140 nenos/as en Campolongo nas dúas quincenas, 110 no Manuel Vidal Portela, 90 en Barcelos e 80 no Marcos da Portela (Monte Porreiro). Nas rurais, onde a capacidade baixaba a 40 prazas mensuais, destacan os 90 rapaces que entraron en Vilaverde, tamén durante o mes de xullo, e os máis de 20 que, en todos os casos, se rexistraron en Ponte Sampaio, Xeve e Cabanas (Salcedo). Pola contra, en agosto, houbo algunhas vacantes en case todos os centros.
Finalmente, o concelleiro de Educación considera como un modelo de colaboración e participación a seguir o convenio que o seu departamento ten asinado con Fanpa-Pontevedra, o que permite desenvolver actividades como as ludotecas de verán, Nadal e Semana Santa, o mantemento parcial dos comedores escolares e a organización de actividades extraescolares. Lamenta, que,  en cambio, outras institucións como ao Concellería de Educación obriguen a complexos trámites para a tramitación de axudas (por outra banda moi reducidas en importe por mor dos recortes) para o funcionamento duns comedores escolares que, no caso de Pontevedra, vén xestionando este colectivo de nais e pais.