Pedalea contra o cancro na praza da Peregrina

41

Suar, rir e colaborar na loita contra o cancro. Todo en un. Así definiu o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, o evento que este sábado acolle a praza da Peregrina.
“Pedalea contra o cancro” é unha clase maxistral de “spinning” que chega a Pontevedra da man da empresa Supera, xestora do Centro Deportivo Rías do Sur. A actividade comeza ás 17.30 horas e continuará ata as 20.30 horas. Consiste en tres sesións de 50 minutos que teñen un custo solidario de 3 euros. O diñeiro recadado doarase integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
Un total de 130 bicicletas estáticas estarán dispoñibles nunha xornada para que as previsións meteorolóxicas son boas.
María Josefa Crespo, presidenta local da AECC, explicou que os cartos destinaranse a actividades de coidados paliativos, axuda psicolóxica, prevención e investigación. Destacou que os enfermos de cancro tamén se ven afectados pola política de recortes do goberno central, como demostra o feito de que as 40 referencias farmacéuticas incluídas no último decreto de copago abrangue 21 medicamentos específicos contra esta enfermidade.
Julio Pita, xerente de Supera en Pontevedra, destacou que a campaña está a desenvolverse nas 15 cidades nas que a empresa dispón de centros deportivos. En cada unha delas seleccionouse unha organización social sen ánimo de lucro. Amosouse encantado de poder colaborar coa AECC, porque dá a batalla contra unha doenza que nos toca a todos, directa ou indirectamente.