Plan de tráfico polas obras de Acuaes na rotonda da Barca

58

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera e a Policía Local de Pontevedra mantiveron esta mañá unha reunión co alcalde de Poio para fixar un plan de mobilidade polas obras que Acuaes realizará dende a rotonda da ponte da Barca até o Casal de Ferreirós, no Concello de Poio, a partir do vindeiro martes.

Nesta reunión acordouse solicitar a Acuaes que demore o peche até o martes (estaba previsto para o luns) ás 09.30 horas. Ademais acordouse cambiar a dirección da rúa Alfonso XIII que restrinxirá o seu tráfico para residentes e servizos, e desviar os tráficos da rúa Echegaray cara Paseo Colón o Alfonso XIII, no caso de ser necesario. Deste xeito, deixarase de enviar tráfico de saída de Pontevedra pola ponte da Barca, para tratar de facilitar o tráfico no concello de Poio.

Con esta medida canalizarase o tráfico de saída de Pontevedra ben pola ponte das Correntes ou polo nó da autoestrada, para evitar o colapso do tráfico na Caeira.

Pola súa banda, o Concello de Poio canalizará o tráfico pola Caeira en dirección á estrada xeral, e recomenda aos tráficos pesados que empreguen o polígono do Vao.