A Concellería de Promoción Económica volverá convocar a poxa para cubrir as vacantes na Praza de Abastos

71

As persoas interesadas en ocupar un posto de venda na Praza de Abastos disporán da última oportunidade unha vez que o Boletín da Provincia e o Diario Oficial de Galicia publiquen a convocatoria da poxa que está a impulsar a Concellería de Promoción Económica de Pontevedra. O prazo será de 30 días hábiles.
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o procedemento para a adxudicación das concesións por un período de 25 anos. Culmina así o camiño o pasado mes de maio, cando se abriu un primeiro período de presentación de ofertas que agora se amplía ao terse aceptado dúas alegacións presentadas por unha particular e unha asociación. Estas alegacións motivaron cambios mínimos no prego de condicións da poxa e, para total seguridade xurídica, volve abrirse o prazo.
Dos 367 postos de venda existentes na Praza, hai 99 vacantes (a maioría no andar alto). Durante o primeiro prazo presentáronse 55 solicitudes (44 correspondentes ao andar baixo e 11 ao primeiro). Quedaron, por tanto, 44 vacantes, sempre a expensas de que os solicitantes confirmen ou modifiquen as súas ofertas neste segundo prazo.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, explicou que está a desenvolver un traballo en tres fases. A primeira comezou coa purga e posta ao día de todos os expedientes de concesión administrativa. A segunda ábrese agora coa convocatoria de todas as vacantes. A terceira chegará cando se tomen decisións de futuro sobre a optimización e modernización dos servizos que se prestan no edificio do Mercado de Abastos.
Román subliñou que durante estas tres etapas producíronse presións de persoas interesadas en reducir o ámbito da convocatoria, algo inaceptable, porque dende o primeiro momento recalcouse que sería un procedemento absolutamente transparente e aberto a todos os cidadáns. Os actuais usuarios da Praza só gozarán dos dereitos de tanteo e retracto que lles outorga o actual Regulamento Municipal.
Por outra banda, a edil explicou que a Praza de Abastos segue a ser deficitaria, polo que haberá que explorar fórmulas que contribúan a dinamizala e poñela no século XXI. Falou da posibilidade de ampliar o horario de venda ás tardes, abrir a parte do primeiro andar que quede baleira a outro tipo de actividades e, sobre todo, potenciar a calidade en todos os servizos e a atención ao consumidor. Neste sentido, indicou, téñense feito diversas auditorías e un estudo sobre boas prácticas e estase a traballar en constante colaboración coas delegacións das consellerías de Sanidade e Traballo.