Uns 200 estudantes asisten aos obradoiros para acceder ao portugués a través do galego

44

Os obradoiros OPS chegan ao seu remate mañá, 26 de novembro, nos CEIP de Lérez e San Martiño. Trátase dun programa promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística para dinamizar o uso do galego entre a mocidade.
A Concellaría ofrece aos centros educativos a posibilidade de realizar os obradoiros OPS! O galego a nosa vantaxe co obxectivo de poñer en valor a lingua galega, facendo ver a súa potencialidade e contrarrestando os prexuízos que a infravaloran, e mostrar a vantaxe de falar galego para poder comunicarse co mundo da lusofonía: de Portugal ao Brasil.
Preto de 200 estudantes de terceiro ciclo de primaria, ESO e bacharelato están a participar nestes obradoiros: aprenderán, ao longo de dúas horas lectivas, que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués e que, polo tanto, sabendo falar galego teñen unha clara vantaxe competitiva.
Mañá celebrarase o obradoiro nos seguintes centros:
• CEIP Lérez, de 10.10 a 11.50 horas
• CEIP San Martiño, de 12.30 a 14.10 horas.

Xa se realizou no IES Torrente Ballester.