De Pontevedra a Londres a través do galego da man de 80 alumnos pontevedreses

67

A Concellaría de Normalización Lingüística e os servizos de Normalización Lingüística dos centros de ensino de Lérez, Xeve e Campañó presentaron esta mañá o proxecto Ponte a Londres, unha iniciativa innovadora para dinamizar o uso da lingua galega a través de conversas e narración multimedia entre escolares de 5º e 6º de primaria dos CEIP Lérez (33 alumnos/as), Xeve (38 alumnos/as) e Campañó (13 alumnos/as de 6º), coa colaboración do colexio español Cañada Blanch de Londres.
As distintas actividades do programa impulsarán o galego como lingua de comunicación entre o alumnado e axudará aos nenos e nenas de Pontevedra a valorar a lingua galega como lingua de comunicación. Tamén se incentivará a reflexión de que o coñecemento, o uso e a valoración do galego é unha fonte de riqueza lingüística e de identidade que abre as portas a un universo infinito de coñecementos e á comunicación con moitos países fóra de Galiza.
Durante cinco meses, os rapaces e rapaces dos centros de Pontevedra e Londres traballarán directamente en:
1. Cinco sesións de hora e media de duración nos centros educativos en horario escolar, onde se traballará en galego cunha proposta clara: a dinamización do uso do galego partindo da divulgación cultural da realidade, amosando e divulgando o que se fai en Galiza nos diferentes ámbitos de maneira motivadora para o alumnado.
2. Un blog didáctico dirixido, como ferramenta con contidos que abranguen a divulgación de proxectos e propostas creativas galegas de tendencia; o proceso do proxecto a través da fotografía e vídeo; os contidos elaborados polo alumnado en diversos formatos e as conversas, reflexións e debates que poidan xurdir das tarefas presentadas.
O blog será o elemento vertebrador de toda a acción educativa; axudará a establecer un diálogo continuo entre docente e alumnado, e entre o  alumnado de Pontevedra e Londres.
3. O seguimento online das actividades durante os meses de duración do proxecto empregando como ferramenta o correo electrónico, e o blog.
4. A elaboración dun documental que de conta do proceso de todo o proxecto e a tarefa creativa do alumnado.

A edición, documentación e actualización do blog comezará o 23 de xaneiro e continuará ata o remate da actividade. Ademais, haberá cinco sesións presenciais, guiadas por unha monitora:

23 de xaneiro: Sesión de presentación e primeira conexión con Londres: (1 hora e media)
– de 9 a 10 horas, no CEIP de Xeve;
– de 10.15 a 11.15 horas, no CEIP de Lérez, para Lérez e Campañó.
– de 11.36 a 12.30 horas conexión con Londres desde Xeve e Lérez

• Presentación do proxecto e da plataforma de comunicación e visualización dun vídeo inicial promovendo a participación nesta proposta.
• Videoconferencia con Londres co obxectivo de explicarlles a nosa proposta e o blog no que iremos creando contido e co que poden interactuar.
• Xogo de presentación e visualización de vídeos e entrevistas de proxectos audiovisuais galegos que ampliarán o coñecemento da cultura galega actual.
• Final e despedida: propoñer que ata a vindeira sesión, cada estudante busque un obxecto que a rapazada de Londres non saiba recoñecer, obxectos típicos da nosa terra e cun nome en galego, para chamar a atención do outro grupo. Que o fotografíe ou se grave en vídeo, explique o que é e o envíe para amosar na galería do blog.

12 de febreiro: Sesión inspiradora: Choiva de ideas.
• Visionado e comentarios sobre os traballos enviados dende a sesión anterior.
• Reflexión sobre a inspiración e a temática que pode abordar o documental final: que é o que máis che gusta do teu entorno?
• Que lugares, que paisaxes, que obxectos, que acontecementos ou sucesos, que persoas, que historias hai detrás de todos eses elementos?
• Que che gustaría amosarlle ao grupo de Londres?
• Que nexos de unión atopamos? Búscase que elaboren unha reflexión persoal do vivido, da súa realidade cotiá.

20 de marzo. Sesión de traballo dixital
• Visionado e comentarios sobre os traballos enviados dende a sesión anterior.
• Ferramentas tecnolóxicas que podemos empregar en galego e de Software libre: plataforma de blogs en galego, tradutores, correctores ortográficos, redes socias en galego, líderes galegos na interne e nas redes socias, artistas multimedia…
• Exercicio para a seguinte sección, busca de blogs en galego sobre cultura, tendencias… e proposta aos neos e nenas para faceres un blog ou un canal de youtube

24 de abril. Sesión de traballo. Imos gravar e documentar.
• Visionado e comentarios sobre os traballos enviados dende a sesión anterior.
• Saídas e recoñecemento do territorio, gravacións de micro-vídeos no contorno co móbil, coa cámara… os obxectos, as persoas… É especialmente interesante recoller audio coas reflexións dos nenos e nenas. Paralelamente dende as súas casas poden recoller material rexistrando as experiencias e lembranzas das súas familias.
O blog é un elemento transversal que se actualizará periodicamente co material xerado nas sesións, máis nesta sesión traballarase conxuntamente para a montaxe do documental.

Maio. Sesión gran estrea mundial
Chegou o último día presentación do documental e celebración do proceso aproveitando que no mes de maio o grupo londiniense vai facer unha visita a Galiza, faremos unha proxección do material recompilado.
Nesta sesión os tres grupos uniranse nun espazo para poder estar todos xuntos e recibir ao grupo de Londres.