Os colexios de Xeve, Lérez e Campañó poñen en marcha mañá o proxecto Ponte a Londres!

44

A Concellaría de Normalización Lingüística xunto aos Servizos de Normalización Lingüística dos colexios de Xeve, Lérez e Campañó poñen en marcha mañá o programa Ponte a Londres! coa sesión de presentación. Ponte a Londres! é unha iniciativa innovadora para dinamizar o uso da lingua galega a través de conversas e narración multimedia entre escolares de 5º e 6º de primaria dos CEIP Lérez (33 alumnos/as), Xeve (38 alumnos/as) e Campañó (13 alumnos/as de 6º), coa colaboración do colexio español Cañada Blanch de Londres.
A esta primeira sesión acudirá o concelleiro de Normalización, Demetrio Gómez que visitará aos alumnos de Xeve ás 09.00 horas cando se presentará o proxecto. De 10.15 a 11.15 horas farase a presentación no CEIP de Lérez e de Campañó, e de 11.36 até 12.30 horas está prevista a conexión dende os CEIP de Xeve e Lérez cos alumnos de Londres.
Nesta primeira sesión farase:
1. Unha presentación nos centros da educadora a través dunha barquiña de papel: A importancia de ollar o que nos rodea e a de tomar iniciativa e facer cousas. Facemos unha barquiña. Presentación do alumnado, nome e que sabes facer ben!
2. Tamén está previsto un xogo de preguntas e respostas en 15 segundos. A resposta é por escrito nuns folios de cores. (Algunhas das preguntas: un nome galego que non sexa nin Brais, nin Breixo, nin Antía, nin Sabela?; o nome dun presentador ou presentadora que fale galego e que non vale Gaioso?; o nome dun xogo popular galego?; o nome dun escritor ou escritora galega que non sexa Rosalía?; o nome dun escritor ou escritora galega na actualidade?; un grupo de música galego que non sexa de folk?; un lugar importante do teu pobo ou aldea?; a palabra do galego que máis che gusta?; pensa nunha palabra en galego que non saiban o que é en Londres?; pensa nun obxecto típico galego que en Londres non saberían recoñecer.)
3. Recollida das respostas, lectura e conclusións.
4. Presentación do proxecto e visualización dun vídeo inicial promovendo a participación nesta proposta. O galego é cultura, é tendencia, é divertido, fálase ata en Londres!
5. Presentación da plataforma, como funciona e creación de contas de usuario. Propoñer que ata a vindeira sesión, cada 3 estudantes busque un obxecto que a rapazada de Londres non saiba recoñecer, obxectos típicos da nosa terra e cun nome en galego, para chamar a atención do outro grupo. Que o fotografíe ou se grave en vídeo, explique o que é e o envíe para amosar na plataforma ata a vindeira sesión.
6. Videoconferencia con Londres co obxectivo de explicarlles a nosa proposta e a plataforma no que iremos creando contido e co que poden interactuar, aportando opinións, suxestións, preguntas.

A seguinte sesión será o 12 de febreiro baixo o título “sesión inspiradora”.