A patronal española no sector do turismo de negocios coñece Pontevedra e valora o potencial da cidade

63

O “lobby” empresarial que aglutina todos os segmentos do turismo de negocios español está hoxe en Pontevedra debatendo sobre o presente e o futuro dun sector que move máis de 5.000 millóns de euros anuais e no que España é a terceira potencia mundial.

A concelleira de Turismo, Carlota Román, trouxo a Pontevedra a segunda xuntanza que o Foro das Asociacións da Industria Española de Reunións e Eventos celebra dende a súa fundación hai algo máis dun ano. Os líderes dos organizadores de feiras, congresos, viaxes de incentivos, xestores de destinos, asociacións de directivos e de axencias de viaxes valoraron o potencial de Pontevedra, definida como unha cidade de tamaño medio, moi cómoda, cunha infraestrutura feiral magnífica e perfectamente integrada na paisaxe e na trama urbana da cidade. Unha candidata idónea, como se remarcou en varias intervencións, para acoller eventos de calidade.

Román explicou a aposta de Pontevedra por introducirse neste sector, que achega un turismo desestacionalizado, cun alto índice de internacionalización e cun elevado retorno socioeconómico, dado que o gasto medio diario por visitante é moito máis elevado. Falou tamén da creación da Oficina de Congresos de Pontevedra, o que permitiu pechar xa 12 congresos e seis feiras para este ano, da programación deportiva da cidade e dos primeiros pasos da Pontevedra Film Commission.

Vicente Serrano, presidente dos Organizadores Profesionais de Congresos (OPC España) destacou que o Foro pode ser definido como a patronal do turismo de negocios e que naceu para cubrir un baleiro que permitise unha mellor relación coas administracións, a realización de estudos actualizados do seu impacto na economía española, de diagnósticos de situación e de deseño de obxectivos comúns.

Na súa intervención subliñou que o subsector do turismo de negocios estaba disperso, faltaba un labor de recompilación de datos e mesmo un labor público de divulgación das distintas especialidades que o compoñen, profundamente descoñecidas e que se materializan en complexas siglas importadas do inglés, pero que, na práctica, se traducen en importantes volumes de negocio e unha actividade económica cada vez máis importante.

Álvaro Muñiz, directivo da Asociación de Feiras de España (AFE) e director xeral da Feira Internacional de Mostras de Asturias fixo un repaso ao sector feiral español, que como todos os subsectores da economía está a vivir a crise, pero apunta tamén novas tendencias sobre o camiño a seguir.

María José Uceda, secretaria xeral da AFE, recalcou a crecente internacionalización, a importancia económica das feiras e a súa singularidade como factor turístico desestacionalizado.

Carmen Aguirregomezcorta, secretaria xeral do Capítulo Ibérico de ICCA (Asociación Internacional de Congresos e Convencións) subliñou o papel desta organización como elemento conector entre destinos turísticos, organizadores de eventos e proveedores de servizos auxiliares. Destacou o papel que xoga a ICCA en todo o mundo, proporcionando formación, networking e unha imprescindible base de datos.

Luis Díaz, como director executivo de “Spain DMC´s” (Asociación de empresas de xestión de destinos, ou “Destination Management Company” polas súas siglas en inglés) explicou que traballan no campo das viaxes de incentivos elixindo destinos, organizando viaxes e combinando todo tipo de servizos, case sempre cunha forte compoñente internacional. De feito, boa parte do seu traballo son presentacións de produtos ou actos de compañías estranxeiras en territorio español.

Francisco Quereda, presidente de MPI España (asociación americana de altos directivos de empresas especializadas en xuntanzas de negocios, ou “Meeting Professionals International”) falou sobre a importancia da formación e as novas oportunidades de negocio.

Finalmente, Elisabeth Martínez, vicepresidenta de “SITE Spain” (Sociedade de Incentivos e Viaxes de Executivos) explicou a vixencia dos incentivos que, por unha parte, motivan e reciclan aos profesionais, o que produce retornos inmediatos ás súas empresas, e que, por outra, supoñen un beneficio para as cidades destino.

Os integrantes da patronal do turismo de negocios español aproveitaron a súa estancia en Pontevedra para coñecer, da man da concelleira de Turismo, o Pazo de Congresos e o Recinto Feiral e visitaron o Centro Histórico e a Praza de Abastos.