Comeza a reparación de pavimentos danados polos temporais na parroquia de Marcón

55

Aínda que parece que chegou a primavera, o Concello continúa a reparar os estragos causados polo duro inverno pasado, especialmente nas parroquias do rural.
A vindeira semana está previsto que comece a reparación dos firmes destrozados polas choivas o pasado inverno na parroquia de Marcón. Comezarán o luns pola rúa das Olivas, segundo acordaron os servizos técnicos municipais co concelleiro coordinador do Rural, Demetrio Gómez.
Cabe lembrar que os danos causados polos temporais foron estimados nuns 4,9 millóns de euros por parte do Goberno Loca no mes de abril; danos localizados tanto na área urbana como na rural. Precisamente daquel balance xa se adiantaba que sería preciso un investimento de 2,8 millóns de euros en novas pavimentacións ou reparacións nas vías do rural. Para os parques e vías urbanas sería arredor de 1,5 millóns.
Este balance sempre queda a expensas dos danos “agochados”, que se irán coñecendo co paso do tempo, e imposible de prever nestes momentos.