O Concello pedirá mañá a Augas de Galicia que comeze o selado dos pozos do Gafos

67

. O Concello de Pontevedra participa mañá na Comisión de seguimento do convenio de saneamento do rural pontevedrés, cun único punto na orde do día: o proxecto de saneamento na vacía do Gafos e a sinatura dunha nova addenda ao Convenio nese sentido.
Segundo explicou esta mañá o concelleiro responsábel do Ciclo da auga, Raimundo González, “o Concello acude a esta reunión cunha actitude constructiva, pero coa idea clara de que hai que asinar a addenda nos termos acordados polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e o alcalde o pasado agosto de 2013”: o selado dos pozos e completar o saneamento.
O convenio de saneamento do rural leva parado dende febreiro de 2012 cando Augas de Galicia, responsábel de facer o saneamento no Gafos, decide resolver o contrato que tiña coa empresa Copasa. Dende ese momento, o Concello non volve ter información do proxecto até decembro dese ano cando chega a primeira addenda ao Convenio que recollía que a adxudicación do Gafos tiña que ser antes de xuño de 2013 (e o convenio remataría en xuño de 2014).
Dado que estaba a piques de vencerse o tempo da adxudicación da obra sen ter novas, en maio de 2013 o Concello solicita a reunión da comisión de seguimento do convenio, momento no que Pontevedra coñece que a intención de Augas de Galicia é realizar un plan de saneamento integral da ría, ao que o Concello non se opón, pero esixe a execución do saneamento do Gafos, que era o obxecto do convenio. E tamén aclara á Xunta, que se non quere facer o saneamento no Gafos, que transfiran os fondos ao Concello -1,2 millóns de euros- que será a administración local quen a execute.
Para tratar de desbloquear a situación, o alcalde e o conselleiro de Medio Ambiente acordan en agosto de 2013 o proxecto a facer no Gafos: o selado dos pozos, invertir o resto dos fondos no saneamento do lugar, o Concello deberá facer o proxecto e asinar unha addenda incluíndo estas modificacións.
Unha vez máis a petición do Concello, en decembro de 2013 se volve a reunir a Comisión de seguimento do convenio na que o Concello coñece que a intención da Xunta é facer supostas “biodepuradoras”. Ao que o Concello contesta cunha carta do alcalde ao conselleiro lembrándolle o compromiso político ao que chegaran en agosto.
O 19 de febreiro deste ano técnicos de Augas de Galicia e do Concello de Pontevedra mantiveron unha reunión para abordar o proxecto sobre o Gafos. Finalmente o Concello elaborou unha proposta, valorada en 1.198.000 euros que foi enviado á Xunta o pasado 14 de marzo, dende cando o Concello non volveu a ter novas, até esta semana en que foi convocada a comisión de seguimento.
O Concello reitera que acude a esa reunión con ánimo constructivo e coa esperanza de pór fin á demora dun proxecto moi necesario para a cidade, xa que leva case un ano de retraso dende o acordo acadado entre o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e máis de dous anos dende a súa adxudicación.