Éxito da xornada informativa sobre “licenzas express”

39

Máis dun cento de profesionais relacionados co sector da construción, pero tamén coa propia Administración pública, asistiron á xornada informativa sobre “licenzas express” que a Concellería de Urbanismo de Pontevedra ofreceu onte, xoves, na Casa das Campás.

Antón Louro, responsable municipal en materia de Urbanismo, abriu un evento que superou a capacidade do auditorio, e que contribuíu a aclarar as dúbidas en torno a tramitación neste novo xeito de relacionarse coa Administración.

Despois de que Antón Louro e o presidente do Colexio de Arquitectos, Manuel Abelleira, presentaran a xornada chegou a quenda das intervencións do director xeral de Urbanismo do Concello, Xosé Manuel Tato; Mercedes Fernández, xefa do servizo de Urbanismo, e Miguel Rodríguez de Jesús, arquitecto-xefe da Oficina Técnica de Licenzas e Inspección. Os tres técnicos deron resposta a todas as cuestións do público.

Entre os asistentes predominaban os técnicos encargados de redacción de proxectos, como arquitectos, aparelladores ou enxeñeiros, pero tamén había funcionarios de diversos departamentos da Xunta de Galicia en Pontevedra ou mesmo dos departamentos de Urbanismo doutros concellos da provincia.

Durante a xornada falouse polo miúdo da absoluta volatilidade da normativa española e galega nesta materia. Dende que no ano 2006 se aprobou a Directiva Europea de Servizos téñense producido preto dunha ducia de cambios que afectaron á maneira de tramitar este tipo de licenzas. Louro destacou que é comprensible que haxa certa confusión.

Os técnicos, pola súa banda, avanzaron detalles da Ordenanza que o Concello está a preparar para adaptarse á última Lei de Emprendemento galega, que, o 28 de decembro pasado, cambiou completamente o panorama ao rematar coas Declaracións Responsables e establecer un réxime xurídico único para toda Galicia que aposta pola figura administrativa das Comunicacións Previas.