O Concello prorroga por tres anos máis a concesión do lixo

96

A concelleira de Servizos, Carme da Silva, informou esta mañá da prórroga do contrato da recollida de residuos e de limpeza viaria, ademais doutros servizos, adxudicado a Cespa. A prórroga que será aprobada nos vindeiros días pola Xunta de Goberno, será por tres anos, prorrogable por outros tres.
A prórroga do contrato mantén o canon actual (agás actualizacións do IPC) xa que o contrato mantense nas mesmas condicións que había até o de agora. Polo tanto, por unha cantidade inferior aos seis millóns de euros, que cubrirá os servizos que a empresa está a levar actualmente: recollida selectiva de residuos, o seu transporte e o seu tratamento residual, limpeza viaria, recollida selectiva de voluminosos, cartón, vidro, punto limpo…
Segundo informou a concelleira, o obxecto da prórroga –dentro dos pregos firmados coa empresa que permiten un periodo máximo de 50 anos- responde principalmente aos intereses económicos do Concello, xa que como explicou a edil, os servizos que habería que incluir nun novo contrato incrementarían o canon en dous millóns de euros, só na recollida do lixo. Un aforro moi considerabel para as arcas municipais.
Por outra parte, a ampliación por tres anos permitirá ao Concello xestionar adecuadamente un novo ordenamento no tratamento de residuos, xa que en tres anos estará posta en marcha a planta de compostaxe de residuos orgánicos conveniada coa Deputación. Esta planta suporá un cambio substancial na xestión da recollida do lixo, polo que tamén se producirá un cambio importante no contrato. Chegado este momento, o Concello sacará unha nova contratación da recollida de residuos no municipio.
A prórroga vai permitir que o proxecto da planta de compostaxe fágase “con todo ben estudado, estos tres anos dará ao Concello o tempo necesario para elaborar os pregos e as condicións da nova concesión do servizo, despois do ambicioso proxecto que supón a planta de compostaxe” segundo as palabras de Carme da Silva.
Os servizos que prestará Cespa seguirán a ser iguais aos prestados actualmente, en tódolos seus ámbitos, tanto nas zonas rurais coma nas zonas urbanas. O municipio xenera ao ano arredor de 30.000 toneladas de residuos ao ano.