As ludotecas municipais de verán crecen ata as 1.580 prazas e volven ampliar os seus horarios

89

As ludotecas municipais de verán volven crecer ata unha capacidade total de 1.580 nenos/as. Un incremento importante dende as 1.200 prazas do ano anterior e as 1.080 que se ofertaron no verán de 2012. O operativo está financiado pola Concellería de Educación a través dun convenio coa Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra).

O programa, cun custo para as arcas municipais próximo aos 60.000 euros, foi presentado hoxe polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández e o presidente de Fanpa-Pontevedra, Roxelio Carballo. O edil destacou o esforzo municipal para que ninguén quede fóra.

O custo para as familias mantense nos 30 euros por quincena, se ben este prezo é para os socios de ANPA federada. As familias non socias deberán pagar 40 euros. A oferta está aberta durante os meses de xullo e agosto a rapaces de entre 3 e 12 anos escolarizados e empadroados no municipio de Pontevedra. En cada quincenan ofreceranse distintas actividades formativas e de lecer, que xirarán ao redor de propostas temáticas diferenciadas: “A gran aventura celta”, “Quimicociñeiros”, “Musicarte” e “Con punta, papel e tinta”.

As ludotecas repártense en catro quendas quincenais para as urbanas e dúas quendas mensuais para as rurais. As urbanas organízanse nas instalacións dos colexios Campolongo, Manuel Vidal Portela (en Inglés), Marcos da Portela e Álvarez Limeses. As rurais serán en Cabanas (Salcedo), Pontesampaio, Vilaverde (Mourente) e Xeve.

As ludotecas naceron para facer a vida máis fácil aos pais e nais que traballan e teñen serias dificultades durante as vacacións escolares. Para reforzar esta vocación mantense o horario ampliado entre as 9 horas e as 14 horas. O horario aínda é ampliable ata as 8.45 horas e as 14.30 horas nalgunhas delas, sempre que se xustifiquen motivos laborais.

En canto aos servizos de plan Madruga (almorzos) e comedor prestaranse nos colexios de Campolongo e Manuel Vidal Portela. Os horarios serán de 7.30 a 9.00 horas e de 14.00 a 16.00 horas. Será posible tamén contratar esporadicamente algún destes servizos, previo aviso.

As solicitudes deben presentarse na sede de FANPA (rúa Xan Guillermo, 9) ata o próximo día 16 deste mes de xuño, en horario de 9 a 14 horas. Tamén é posible enviar un correo electrónico ao enderezo actividades@nontedurmas.org. O día 18 publicarase a listaxe de admitidos na web da Fanpa (www.nontedurmas.org). O pago deberá ingresarse entre o 19 e o 25 de xuño.