Natureza sobre rodas pecha a terceira edición cunha saída polos ríos de Salcedo

69

. A programación de Pontenbici pon en marcha o próximo domingo, 15 de xuño, a derradeira saída de Natureza sobre rodas, o programa de visitas en bicicleta aos espazos naturais do concello que este ano celebra a súa terceira edición. Trátanse de rutas para familias, aínda que se recomenda que non se leven nenos menores de 8 anos polas dificultades da ruta.
A ruta do domingo 15 de xuño é unha ruta agroforestal pola parroquia de Salcedo. Partirá  ao carón da Casa do Concello, continua pola marxe urbana do río Gafos ata chegar á estación de ferrocarril, para avanzar por abaixo do novo vial e aproveitarase a travesía paralela á liña do AVE. Visitarán a Misión Biolóxica, os petróglifos e a igrexa de San Martiño.
Nesta visita os participantes coñecerán a riqueza de fauna e flora dos ríos de Salcedo, especialmente os do Tomeza e do Batán, onde se localizan numerosos muiños en proceso de recuperación. Tamén poderán gozar do patrimonio arqueolóxico co outeiro do Mato das Cruces e do penedo de Vilar de Matos, xunto co castro prerromano das Croas.
Na parada no Pazo de Gandarón coñecerán a Misión Biolóxica de Galicia, centro investigador dependente do CSIC e adscrito á área de ciencias agrarias.
Aos participantes entregaránselles un mapa-guía que conterá os percorridos da edición, con debuxos da fauna e flora máis singular dos espazos naturais de Pontevedra.
Esta saída será o 15 de xuño en horario de 11 a 14 horas e terá unha lonxitude de 14 km, aproximadamente. Con esta saída péchase o programa Natureza sobre rodas 2014.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse no departamento de Medio Ambiente no teléfono 986 804300 na extensión 7584.