Pontevedra acada a Vasoira de Ouro pola organización dos zafarranchos de limpeza

59

Pontevedra recibiu esta tarde o premio Vasoira de ouro da Asociación Técnica para a xestión de residuos e medio ambiente (ATEGRUS) que se entregou no marco da Feira Internacional de Urbanismo e Medio Ambiente (TECMA) que se está a celebrar estes días en Madrid. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Servizos, Carme da Silva asistiron á entrega deste galardón no IFEMA, onde se desenvolveu o acto de entrega.
Segundo destacaron os organizadores da XIV edición do concurso vasoiras de Prata, Ouro e Platino, o mérito de Pontevedra é a organización de zafarranchos sistemáticos que permiten abordar de xeito global a limpeza de diferentes ámbitos da cidade, contando coa implicación cidadá e coa coordinación de distintos servizos por parte do Concello.
Dende o Concello, o alcalde destacou a implicación de toda a cidade para que este proxecto pioneiro en Galiza funcionase. Serve como complemento eficaz de limpeza daquelas zonas que requiren unha atención específica polas súas características e que o Concello acordou abordar de xeito integral dende hai máis de cinco anos ininterrumpidamente.
Os premios Vasoira de Prata, Ouro e Platino entréganse cada dous anos. De feito na pasada edición, a XIII, celebrada no ano 2012 tamén no transcurso da Feira Internacional de Urbanismo e Medio Ambiente, Pontevedra tamén recibiu a Vasoira de Prata pola mellora da eficacia do servizo de recollida de residuos coa implantación da modalidade de carga lateral.
Segundo explica a propia ATEGRUS, “esta competición é un intento de valorar e distinguir aquelas actuacións e traballos que se fixeran realizado para mellorar ou defender a xestión dos residuos, da limpeza e o aseo urbano en xeral das nosas cidades e das nosas industrias, premiando os esfozos e realizacións ao obxecto de estimular os avances tecnolóxicos e de concienciación e innovación social que sirvan para ir mellorando a nosa calidade de vida e a sostenibilidade das nosas cidades e industrias”.