A Concellería de Promoción Económica impulsa un plan de becas laborais para 182 desempregados pontevedreses

33

A aposta da Concellería de Promoción Económica polo Plan de Emprego quedou hoxe patente coa ampliación da convocatoria municipal a un total de 182 persoas, o que supón un incremento moi substancial sobre as 77 prazas cubertas durante o ano pasado. A concelleira Carlota Román impulsa esta iniciativa por segundo ano consecutivo e, segundo afirmou, constitúe un dos eixes de actuación deste departamento municipal contra a crise económica e os seus efectos na cidade.

O importe total do proxecto é de 210.000 euros, dos que 150.000 corresponden á partida dispoñible no Orzamento municipal e outros 60.000 á inxección realizada con cargo á última modificación de crédito aprobada polo Concello. Abarca os salarios dos becarios (incluída a Seguridade Social) ademais da contratación dos seguros de accidentes e de responsabilidade civil. A concelleira lembrou que a partida destinada a este fin durante o ano pasado foi de 90.000 euros. Aludiu tamén ao acordo alcanzado na última xuntanza do Consello Económico e Social (CES), no que se recomendou o incremento da cobertura do Plan de Emprego.

A Concellería de Promoción Económica foi das entidades pioneiras en organizar becas para prácticas en empresas, fórmula que considera máis axeitada que a contratación de persoas para traballos nas Administracións públicas. Ademais, apostou pola selección transparente, a través das oficinas dos Servizos Públicos de Emprego, e agora, como novidade, introdúcese tamén o requisito de que as empresas non poden ter realizado despedimentos nos tres últimos meses ou durante o período de duración das prácticas.

O Plan de Emprego local botará a andar durante o mes de outubro e terá unha duración de tres meses e réxime de media xornada. As becas, que ao igual que o ano pasado teñen o carácter de prácticas, non supoñen relación laboral algunha nin co Concello nin coas empresas. Os becarios obterán unha beca mensual de 375 euros e terán que cubrir catro horas diarias, é dicir, media xornada.

As persoas interesadas deben dirixirse inmediatamente ás oficinas do Servizo Galego de Colocación para manifestar o seu interese en seren incluídos nas listaxes que remitirán ao Concello. Os requisitos para participar na convocatoria pasan por estar empadroado en Pontevedra, ter cumpridos os 18 anos, estar desempregado e dispor de capacidade funcional para desenvolver as tarefas habituais da ocupación que se solicita. A concelleira destaca tamén a transparencia deste programa “no que a porta de entrada é o mesmo para todos os aspirantes”.

A partir da relación recibida (que incluirá tres aspirantes por cada posto) valoraranse aspectos como ter menos de 30 anos ou máis de 50, ser muller, estar na busca do primeiro emprego, levar parado entre 2 e 5 anos ou, no seu caso, máis de 5 anos. Finalmente, realizarase unha entrevista de selección para valorar a idoneidade dos perfís.

A concelleira de Promoción Económica volveu recalcar que a estratexia de propiciar prácticas directamente en empresas é dobremente acertada, ao poñer a disposición das empresas unha forza laboral adicional e ao ofrecer tamén vías de formación laboral e alivio económico para os beneficiarios das becas.